marea de vigo ante o anuncio de nova concesión do “hotel samil”

19 de Marzo de 2018

Marea de Vigo pide non “hipotecar” de novo o futuro da rexeneración de Samil permitindo unha nova concesión hoteleira no antigo hotel Samil.

O grupo municipal da Marea de Vigo considera que tanto o plan do Ministerio en 2011 como o propio PXOM anulado entendían necesario eliminar os usos hostaleiros e hoteleiros para a rexeneración dunar e a eliminación do paseo.

Cando Abel Caballero decidiu volver a concesionar o espazo que ocupaba o antigo Jonathan, o Plan de rexeneración dunar de Samil quedou anulado de facto, mais agora pode significar mesmo unha grave agresión ambiental de proxectarse o aparcadoiro soterrado que se anuncia hoxe en prensa xunto coa licitación do hotel.

Vigo, 19-03-2018. O grupo municipal da Marea de Vigo considera que este inmoble e os terreos próximos deberían ser destinados no sistema xeral como zona verde “Alcabre-Samil (clave sx/el-zv/b07), espazos que deben formar parte do futuro marco de rexeneración ambiental e paisaxística na zona e que tería que ser determinado pormenorizadamente no Plan Especial de Rexeneración Ambiental e Acondicionamento do Litoral Urbano (Alcabre-Samil), feito que nunca aconteceu.

Marea de Vigo lembra que co horizonte de redacción do novo PXOM antes do 2022 “ten que quedar claro se existe vontade por parte do goberno local de cumprir co mandato de rexeneración da costa viguesa ao seu paso por Samil ou, de non ser así,  volverase a incumprir a palabra dada como na concesión do local hostaleiro Marina Cíes (antigo Jonhatan).”

Marea de Vigo tamén afirma que a ficha do referido sistema xeral recolle como un dos seus obxectivos a transformación do paseo de Samil, eliminación do muro e traslado dos usos lúdicos e deportivos. Este último obxectivo xa indica que a adxudicación dunha nova concesión para un uso terciario resulta totalmente incompatible cos usos que o PXOM anulado refería e que deberían respectarse no futuro do ámbito.