marea de vigo ante o borrador de zonificación escolar da área educativa de vigo

22 de Decembro de 2017

Marea de Vigo cualifica como estratexia política por un modelo educativo contrario á educación pública o borrador de Zonificación Escolar da Área Educativa de Vigo proposto pola Xunta.

Marga L. Barreiro: “Gustaríanos saber que medidas ten pensado desenvolver á Xunta para potenciar a educación pública que din defender, xa que este borrador, dun xeito velado pero moi claro, camiña no sentido contrario”

Marea de Vigo subscribe as opinións da comunidade educativa viguesa que se ten expresado xa nos pasados días, como é o caso da comunidade educativa do IES de Teis, centro que perderá a viabilidade como centro de ESO e Bacharelato segundo o borrador de Zonificación, perda inxustificada xa que nin é acorde con parte do suposto espírito da zonificación (diminución de alumnado por aula) nin é coherente coa optimización de recursos, xa que parte deles quedarían infrautilizados.

“O proceso levado a cabo pola Xunta, de xeito completamente autoritario e practicamente unilateral, non contou coa opinión e co traballo feito tanto pola comunidade educativa como polas asociacións de pais e nais, moitas delas con propostas que deberían ter sido tomadas en conta se a vontade realmente fora a de mellora e fornecemento da educación pública. Se ben non están obrigados a contar coa súa participación, o non facelo só demostra, unha vez máis, as intencións do proxecto, que non son outras que a discriminación positiva cara ao ensino concertado” explica Marga L. Barreiro, concelleira do Grupo Municipal da Marea de Vigo.

Para Marea de Vigo, é fundamental poñer en valor o público, neste caso a educación, cuestión que pasa tanto polo traballo cara a igualdade das familias e o alumnado á hora de acceder aos centros educativos, como pola dotación de medios e servizos complementarios, servizos en moitos casos que están sendo xestionados hoxe en día a través das nais e os pais como a realidade de multitude de comedores escolares nos centros educativos da nosa cidade.

O proxecto de Zonificación vén sentar as bases do futuro do ensino na nosa cidade, “non se trata de mover mesas e cadeiras, senón de aniquilar proxectos educativos elaborados durante anos pola comunidade educativa, tal e como vai acontecer, senón se rectifica, no caso do IES de Teis. Non é só un cambio de adscrición dun centro a outro” remata Marga L. Barreiro.