marea de vigo ante o concurso para escoller nova dirección no museo m.a.r.c.o.

13 de Novembro de 2018

Marea de Vigo engade o sistema de elección da nova dirección do M.A.R.C.O. ao repertorio de accións levadas a cabo polo Goberno de Abel Caballero cara á destrución do espírito co que se fundou o museo.

Xosé Lois Jácome: “O sistema de selección do director ou directora anunciado polo alcalde, só vén consagrar a liquidación do museo M.A.R.C.O. tal e como foi concibido. O contido do museo non pode estar ao arbítreo dun alcalde, que non é máis que o poder político de quenda”.

Vigo, 13-11-2018. O grupo municipal da Marea de Vigo ofreceu hoxe unha rolda de prensa na que se valorou o que, segundo o grupo municipal, vén sendo a “consagración da liquidación do museo M.A.R.C.O. tal e como foi concibido”.

Na rolda de prensa realizouse un balance do acontecido nos últimos anos arredor da xestión cultural en Vigo exemplificada na situación na que quedou o museo M.A.R.C.O. tras os cambios no Padroado, tras as dimisións do director e a responsable de exposicións e en definitiva, tras o cambio de modelo que comezou xa vai para máis dun ano, por parte do goberno do alcalde do PSOE, Abel Caballero. “A deriva da política cultural deste concello é un feito que levamos denunciando dende hai tempo. É especialmente grave o caso do Museo M.A.R.C.O., onde, a partir do abandono do Padroado por parte de varias institucións, a realidade resultou ser que o alcalde tomou o control da institución e das decisións sobre a actividade do propio museo” recalcou Xosé Lois Jácome.

Pola súa banda, Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal, incidiu nas condicións que se foron dando no tempo cara a propiciar o que hoxe “é xa unha evidencia”. “Primeiro faise a modificación dos estatutos do Padroado para posteriormente poder tamén adecuar as bases do concurso do posto de director/a do M.A.R.C.O. ao xuízo do Goberno local, onde os criterios subxectivos suman máis puntos que os criterios obxectivos”. “Como exemplo – matizou Rubén Pérez – non se pide o emprego do galego nin coñecementos de inglés. Isto non é lóxico para un museo coa proxección internacional e que xa ten o M.A.R.C.O. , feita desde o ámbito galego”.

Marea de Vigo insiste en que “non se debe alterar o espírito orixinario do M.A.R.C.O. e as accións que está levando a cabo o goberno do PSOE sobre o museo só veñen redundar nesa profunda alteración que vai sufrir o modelo que permitiu que o M.A.R.C.O. tivese a proxección e o recoñecemento que tivo en toda Europa ata agora” concluíu Ruben Pérez.