marea de vigo ante o debate da lei de estabilidade orzamentaria

27 de Xullo de 2018

Marea de Vigo considera profundamente insuficiente o teito de gasto marcado polos obxectivos de estabilidade para as administracións públicas votado hoxe no Congreso ao “castigar especialmente a cidades con recursos económicos importantes como é o caso de Vigo”

Rubén Pérez: “É un erro seguir a folla de ruta de Montoro en política orzamentaria e non emendar a profunda diminución do teito de gasto entre 2010 e 2017 e que fai que Vigo teña máis de 80 millóns de euros en tesourería sen poder darlle uso social ou en materia de infraestruturas”

Vigo, 27-07-2018. Foi xa no pasado mes de febreiro do 2017 cando o grupo municipal da Marea de Vigo levara xa ao pleno unha moción que trataba de esixirlle ao goberno do PP que emendara a decisión da Unión Europea de garantir a estabilidade orzamentaria e que levou en setembro de 2011 a reformar o artigo 135 da Constitución Española introducindo unha regra fiscal que limita o déficit público e prioriza o pago da débeda.

Rubén Pérez lembra que “foron os concellos de todo o Estado e de toda cor política a través da FEMP, os que reclamaron non que se elimine o teito de gasto senón unha reinterpretación de como se calcula ese teito de gasto, por considerar que o actual sistema, que toma como valor de referencia o gasto efectivamente realizado no exercicio precedente, e non o orzamentado, limita moito as posibilidades de investimento dos Concellos. Fronte a iso, o novo goberno do PSOE decide non só continuar a senda do PP, cun crecemento do teito de gasto lixeiramente inferior ao 4,4% con respecto o ano en curso pero, aínda sendo 5230 millóns máis supoñen 4000 millóns menos que os fixados polo PP en 2015”.

Para a Marea de Vigo, e á vista dos feitos, o PSOE non ten intención de emendar o actual deseño de financiamento local e as actuais normas orzamentarias que teñen como obxectivo velado reducir o tamaño do ámbito público, afogando deste xeito aos concellos e impedindo melloras no benestar da cidadanía, ao ser os entes locais os responsables de por exemplo boa parte da política social por ser a institución de maior proximidade, feito que contradí a esixencia de maior esforzo de contención fiscal que se lle fixo aos municipios, afectando así ás políticas sociais básicas.

O pasado ano o déficit das Comunidades Autónomas superou os 16.000 millóns e o da Administración Central os 25.000, mentres que os concellos non só cumpriron con folgura o obxectivo de déficit cero ao obter superávit, senón que, por cuarto ano consecutivo ese superávit foi próximo aos 5.000 millóns de euros.

Todo iso parece indicar que son precisamente as corporacións locais as que máis necesitan que se incremente a súa marxe de manobra fiscal ben a través de maiores competencias fiscais e/ou maiores transferencias desde o Estado ás comunidades autónomas e aos municipios, dado que coa actual distribución de competencias, unha visión centralista do Estado equivalería a unha visión antisocial da realidade, ao depender o groso do financiamento do Estado de Benestar ás comunidades autónomas, responsables de partidas tan centrais e esenciais como a sanidade e a educación.

“Estas regras de restrición orzamentaria lévannos directamente ao abismo ao causar graves danos á economía, deprimíndoa e reducindo sensiblemente o benestar da maioría social, ademais de non servir para cumprir as metas fiscais establecidas, supoñendo un camiño absolutamente equivocado. Pedimos ao goberno local vigués que, ao igual que fixo no Pleno cando presentamos a moción contra a regra de gasto de Montoro, inste ao goberno do seu mesmo partido á modificación da regulación do equilibrio orzamentario para permitir que os concellos poidan destinar o seu superávit ás competencias que teñen atribuídas” conclúe Rubén Perez.