marea de vigo ante o debate da proposición de lei para a modificación dos criterios da regra de gasto.

28 de Novembro de 2017

Marea de Vigo celebra que se debata a proposición de lei relativa á modificación dos criterios de aplicación da regra de gasto, unha vez imposibilitada a vía de veto que pretendía o Partido Popular.

Para o Grupo Municipal da Marea de Vigo, este feito é unha boa noticia para a nosa cidade, xa que o Concello de Vigo podería utilizar o superávit para, por exemplo, gasto social.

Ante a incapacidade e a parálise da FEMP que preside Abel Caballero cara a procura de respostas ás medidas contidas na regra de gasto de Cristóbal Montoro, o acontecido no día de hoxe pode supoñer unha vía de solución.

A pesar dos múltiples anuncios levados a cabo por parte do presidente da FEMP, Abel Caballero, en canto á modificación da regra de gasto, as administracións locais seguen atadas a esta ríxida e inxustificada regra que teñen que cumprir baixo ameaza de sanción e maior control por parte da Administración Central, regra que, socavando profundamente os principios de autonomía local, supón a súa vez unha inxerencia especialmente difícil de xustificar nun contexto no que a maioría das corporacións locais presentan superávit orzamentario e importantes remanentes de tesouraría, como é o caso de Vigo.

A proposición de lei que pasará a debate, presentada polo Grupo Confederal de En Marea-Unidos Podemos-En Comú Podem, versa sobre a necesidade da modificación dos criterios de aplicación da regra de gasto, baseándose no repecto á autonomía local e garantindo a capacidade das corporacións municipais de asegurar unha prestación suficiente dos servizos públicos cuxa competencia teñen asignada, esixindo un esforzo equitativo a cada unha desas administracións no logro da citada estabilidade.

Marea de Vigo considera que esta Proposición de Lei, de prosperar no trámite parlamentario, obrigaría ao Goberno a promover unha reforma da Lei Orgánica 2/2012, de Estabilidade Orzamentaria e Sustentabilidade Financeira, e do artigo 135 da Constitución Española que modifique a regulación da regra de gasto, de modo que permita ás Corporacións Locais que cumpren cos criterios de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira, así como de control da morosidade, reinvestir o superávit fiscal e dar prioridade ao gasto necesario para asegurar a prestación dos servizos públicos fundamentais por encima dos créditos para satisfacer os pagos da débeda pública, asimilando os requisitos orzamentarios impostos ás devanditas Corporacións Locais aos esixidos ao Estado e ás Comunidades Autónomas, mais para iso é necesario que o mesmo PSOE de Abel Caballero, Alcalde de Vigo e Presidente da FEMP apoie a iniciativa, amosando nese momento a postura que leva meses presuntamente defendendo.