marea de vigo ante o ninguneo de abel caballero cara ao consello municipal de cooperación.

21 de Xuño de 2019

Marea de Vigo considera que Abel Caballero ningunea ao Consello Municipal de Cooperación e o seu funcionamento ao asignar sen concurso axudas á cooperación e ao desenvolvemento e sen que pasen polo organismo.

Oriana Méndez, concelleira do Grupo Municipal da Marea de Vigo, lembra que “existe un Consello Municipal de Cooperación que precisamente artellou un regulamento e un sistema para as axudas municipais ás ONGD que é desautorizado cando o alcalde decide asignar recursos en materia de cooperación e desenvolvemento sen o procedemento vehicular do consello”.

Vigo, 21-06-2019. Oriana Méndez indicou que “non estamos en contra de que se asignen 185.000 euros a proxectos de Unicef en Siria” senón que o que denunciamos é que existe un regulamento de concorrencia, normalizado polas propias ONGD no Consello Municipal, que obriga a presentar proxectos, ser valorados e logo asignar recursos segundo esa valoración. Este sistema, habitual entre as administración públicas para as axudas á cooperación e ao desenvolvemento, está a infrinxirse perigosamente na cidade de Vigo con estas prácticas, ademais de ser un agravio ao conxunto das ONGD´s da cidade que contan tamén con proxectos moi interesantes e que necesitan financiamento tamén nas acción nos países onde actúan.

Marea de Vigo-Son En Común considera que xa no seu día foi un erro por parte do Concello abandonar o Fondo Galego de Cooperación, en teoría para xestionar dende Vigo os recursos en materia de Cooperación ao Desenvolvemento. A realidade foi que finalmente na maior parte dos exercicios orzamentarios a partida de 95.000 euros que antes se adicaba a cooperación ao desenvolvemento non se executou.

“Vigo – sinala Oriana Méndez –  segue sen efectuar un recoñecemento da política de cooperación ao desenvolvemento como unha política municipal pública e social. Segue sen garantir dotacións orzamentarias suficientes e estamos hoxe lonxe de chegar a unha dedicación mínima dun 0,4% dos orzamentos xerais consolidados actuais o que permitiría seguir avanzando cara ao obxectivo do 0,7%”.