marea de vigo ante o primeiro documento do novo pxom entregado polo goberno.

28 de Xaneiro de 2019

Marea de Vigo considera que existen importantes carencias na metodoloxía xeral e no diagnóstico socioeconómico contidos no primeiro documento do novo PXOM entregado polo Goberno.

Rubén Pérez: “É incompatible priorizar a rehabilitación no novo Plan Xeral, tal e como se expresa no propio documento, mentres se pretenda manter un desenvolvemento urbanístico a través de PERIs ou actuacións como a Ronda, unha das causas da forte oposición veciñal que acabou tombando o propio PXOM do 2008”.

Vigo, 28-01-2018. Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal da Marea de Vigo ofreceu hoxe unha rolda de prensa na que trasladou unha valoración sobre o primeiro documento do PXOM entregado polo Goberno local. O documento, segundo explicou Rubén Pérez, “volve a consolidar o modelo de cidade que leva anos secuestrando o urbanismo vigués, e segue sen ter en conta a realidade social, demográfica ou as necesidades dotacionais”.

Para a Marea de Vigo, tal e como leva expresado nos pasados anos, “é fundamental emendar o modelo de cidade contido nas bases do PXOM do 2008, xa que non son válidas e foron o motivo final da súa anulación no Tribunal Supremo. E hora de traballar por un PXOM acorde á realidade da cidade de Vigo e ao seu crecemento real, mais sobre todo debe ser especialmente sensible coa participación e opinión da cidadanía, insistimos na necesidade dun Consello de Urbanismo onde participe a veciñanza a través do tecido social e veciñal”.

Marea de Vigo tamén incide na relevancia dun Plan Xeral de Ordenación. “Independentemente da correlación de forzas na corporación de vez, é necesario construír consensos entorno ao urbanismo nesta cidade. De non facerse así, corremos o risco de volver a cometer os mesmos erros que anularon o PXOM do 2008” matizou Rubén Pérez. “A proposta do Goberno do PSOE de Abel Caballero dista moito de ser Urbanismo do século XXI, baseándose en modelos que xa se amosaron nin válidos nin útiles para a nosa cidade”.