marea de vigo ante os actos de celebración co gallo do 6 de decembro

3 de Decembro de 2018

O grupo municipal da Marea de Vigo cualifica a actual Constitución como unha faixa inasimilable para os concellos e pide un novo proceso constituínte que poña en valor o municipalismo.

O grupo municipal da Marea de Vigo non asistirá aos actos oficiais programados na cidade co gallo do 6 de decembro e pide deixar xa de vangloriar un texto que, dun xeito evidente, esqueceu aos Concellos no debate e hoxe é inútil para resolver as urxencias competenciais dos mesmos.

Vigo, 3-12-2018. Segundo Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal da Marea de Vigo, “non se pode seguir falando do texto constitucional como un tótem sagrado que hai que venerar unha vez ao ano e non abordar as absolutas e, co paso do tempo, evidentes carencias do mesmo. Na situación actual resulta un atraso para o encaixe competencial dos Concellos, os grandes esquecidos do proceso da transición, que sofren ademais de xeito máis profundo a reforma constitucional de 2011 pactada entre o PP e o PSOE que, baixo mandato da UE, esnaquizou a capacidade fiscal municipal ao establecer mediadas de estabilidade orzamentaria reformando o artigo 135”.

O grupo municipal da Marea de Vigo afirma que esta reforma “express” precisamente atentou contra o propio artigo 137 onde se establecía o organigrama territorial do estado e o 140, onde quedaba de xeito evidente que a autonomía local era un mandato constitucional.

“Este ten que ser un ano para esixir ao goberno do PSOE que aborde xa esta tarefa de impulso municipalista” di Rubén Pérez, e lembra as palabras do propio alcalde de Vigo e presidente da FEMP Abel Caballero que nun almorzo en Madrid este 6 de novembro dicía ‘Si la Constitución se escribiera hoy, tendría un capítulo concreto dedicado a los municipios, con un apartado de competencias diferente, adaptado a las demandas ciudadanas del mundo en el que vivimos’. “É evidente que o propio presidente da FEMP non está tensionando ao PSOE para que realice esta declaración” engade o voceiro do grupo municipal.

Rubén Pérez lembra tamén que “unha consecuencia directa dun cambio no modelo constitucional sería unha re-interpretación de como se calcula por exemplo teito de gasto”, por considerar que o actual sistema, que toma como valor de referencia o gasto efectivamente realizado no exercicio precedente, e non o orzamentado, “limita moito as posibilidades de investimento dos Concellos. Fronte a iso o novo goberno do PSOE decide non só continuar a senda do PP, plantexando un crecemento do teito de gasto lixeiramente inferior ao 4,4% con respecto o ano en curso pero, aínda sendo 5230 millóns máis supoñen 4000 millóns menos que os fixados polo PP en 2015”.

O Goberno do PSOE, para a Marea de Vigo, semella recuar e segue a consagrar a regra de gasto como un mecanismo para restrinxir de maneira inxustificada a actuación das Corporacións Locais nun contexto no que coexisten importantes superávit orzamentarios con perentorias necesidades sociais, debido, entre outros factores, a unhas políticas públicas debilitadas despois de anos de fortes restricións orzamentarias.

É por isto que, tal e como leva defendido a Marea de Vigo, desde o punto de vista político é imprescindible promover unha reforma da Lei Orgánica 2/2012, de Estabilidade Orzamentaria e Sustentabilidade Financeira, que modifique a regulación da Regra de Gasto, de modo que permita ás Corporacións Locais que cumpren cos criterios de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira, adicar os recursos que obteñen a mellorar a vida da xente, ampliando a prestación dos servizos públicos da súa competencia, no canto de verse obrigados a utilizar os seus ingresos extraordinarios a devolver a débeda.

“O marco da actual constitución, mesmo con reformas parciais, non sirve para solucionar este deliberado esquecemento ao municipalismo, non serve para dotar de competencias e capacidade financeira para solucionar tamén graves eivas en materia de sanidade, educación, infraestruturas…. mais tampouco serve para afrontar o modelo territorial e o lexítimo dereito a decidir das nacións que conforman o estado, a política exterior e de paz que debe rexer un modelo non militarista de sociedade, os dereitos cívicos colectivos e individuais e sobre todo, a necesidade de dar un paso ao século XXI erradicando as herdanzas do franquismo” conclúe Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal da Marea de Vigo.