marea de vigo ante os cambios na zona franca de vigo.

9 de Xullo de 2018

Marea de Vigo pide que Zona Franca continúe a ser un motor de iniciativas empresariais e non se converta nun instrumento de propaganda política.

Marea de Vigo pide clarificación nos espazos de Valadares e Porto do Molle, onde pide reconsiderar os usos comerciais das parcelas por non ser os obxectivos que lle corresponden a unha Zona Franca, que debería estar centrada prioritariamente no desenvolvemento industrial.

Vigo, 9-7-2018. O grupo municipal da Marea de Vigo, excluído do Consorcio de Zona Franca por parte do goberno local do PSOE, considera que “o traballo de viveiro de empresas e inversións sostibles non pode alterarse polas posibles ‘ocorrencias’ para o uso dos recursos por parte do alcalde sen que estas teñan ningunha vinculación real ao obxectivo e misión da Zona Franca. É imprescindible manter o carácter industrial por parte da Zona Franca, como instrumento de xestión pública onde principalmente se debe operar para os sectores económicos e empresariais. Tampouco se debe obviar que o motor económico de Vigo é esencialmente metropolitano e mesmo as grandes posibilidades inversoras e de futuro de Zona Franca poden ter sede e realidade noutros concellos da contorna. O retorno económico de actuacións como as de Nigrán e Salvaterra á cidade de Vigo poden ser realidade se son xestionadas de xeito intelixente” explica Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal.

Marea de Vigo tamén considera que urxe unha racionalización e redefinición dos espazos industriais. No caso de Valadares, clarificando xa a ampliación e as indemnizacións á veciñanza afectada, e establecendo claridade para os usos permitidos nas parcelas do PTL e, no caso de Porto do Molle, reconsiderando os usos comerciais propostos, usos que, para a Marea de Vigo, non deberían ser os obxectivos estratéxicos da Zona Franca.

Marea de Vigo segue sen ver cal é o papel de Zona Franca na remodelación do estadio de Balaídos, “cuestión que semella ser a única idea do novo Delegado da Zona Franca. Estamos ante un edificio de titularidade municipal e, en todo caso, soamente a actuación como entidade construtora e explotadora do novo aparcadoiro podería xustificarse. O problema é que o propio Celta quere ser o explotador do aparcadoiro a cambio dun canon”, este feito, para Marea de Vigo, “pode abrir novamente unha fronte de conflito entre as entidades públicas e o club”.

Por outra banda, Rubén Pérez lembra que “hoxe existen na nosa cidade e comarca centos de proxectos lanzados dende Zona Franca que teñen que seguir funcionando e mesmo ampliarse en canto a dotacións económicas. Parte dos recursos por tanto deben ser destinados ao aporte de financiacimento a estes proxectos, aportando espazos de traballo e cobertura en materia de I+D+i”.