marea de vigo ante os datos de desemprego

4 de Xaneiro de 2017

O GRUPO MUNICIPAL DA MAREA DE VIGO CONSIDERA QUE AS AXUDAS PÚBLICAS DEBEN GARANTIR EMPREGO DE CALIDADE PARA SAIR DA SENDA DA PRECARIEDADE

Coñecidos os datos publicados polo Ministerio, a Marea de Vigo valora que malia o descenso no estado, Vigo non é alleo ao feito de que Galiza encabece a subida do desemprego.

O Grupo Municipal da Marea de Vigo valora positivamente os anuncios que varias empresas teñen feito nos pasados días con respecto a cargas de traballo ou formalización de contratos como parece vai suceder nalgún estaleiro, e inversión en infraestruturas recuperando servizos externalizados, como recentemente acaba de anunciar unha empresa do sector téxtil que produce no polígono de Valadares.

Sendo conscientes de que moitos de estes anuncios veñen dados polas axudas con cartos públicos que veñen de recibir unha grande cantidade de empresas na nosa comarca, a Marea de Vigo considera que estas axudas deben levar consigo inexorablemente as condicións necesarias para garantir a creación de emprego estable e de calidade, non se pode investir cartos públicos, de todas e todos, para beneficio das contas dunha empresa privada, tal e como está sucedendo.

Vimos de anos de deslocalizacións en sectores tan estratéxicos para Vigo como o automóbil, con anuncios de eres de discutida legalidade, e posta en marcha de sistemas de precarización dos postos de traballo disfrazados en moitos casos de inclusión de persoas que doutro xeito non lles darían oco ditas empresas, sendo a realidade o máximo abaratamento do posto de traballo con grandes reducións nas cotizacións sociais.

Este tipo de prácticas e o non control da subvención pública son tamén cómplices dos malos resultados sobre desemprego que acabamos de coñecer, e o Concello de Vigo non é alleo a eles, e, en todo caso, pode e debe tomar as medidas necesarias cara a reversión dos datos e a mellora da situación actual do emprego.

No tocante a capacidade e responsabilidade do Concello de Vigo con respecto a creación e mantemento do emprego, tal e como xa denunciou a Marea de Vigo noutras ocasións, se debe esixir un compromiso de creación de emprego estable e de calidade a todas aquelas empresas que sexan receptoras de axudas públicas con cartos do Concello, isto é, a creación dos mecanismos necesarios para ese control, xa que no papel e cando se concede a subvención, en moitos casos existe a intención, pero se non se controla, o que se substancia nunha falla total de control e garantías.

O mesmo ten que acontecer coas concesións municipais, nas que non existe control ningún por parte do Concello con respecto o cumprimento tanto dos pregos como da lexislación laboral de aplicación, tendo sido neste pasado 2016 campións dos conflitos xerados pola falla de control das concesións públicas, como pasou coa concesionaria de limpeza das dependencias municipais e colexios, na iluminación pública e no servizo de parques e xardíns. Moitas delas aínda nos tribunais contractuais e outras nos xulgados do social.

Estes controis, para ser efectivos e realistas, deben contar con tutela sindical, actualmente inexistente neste eido, pero moi presente á hora de poñer enriba da mesa o que está a acontecer en moitas empresas e servizos concesionados, sendo quen de denunciar en todo momento o que está sucedendo, e traballando activamente para poñerlle solución, sendo en moitos casos o ente idóneo para garantir un bo desenvolvemento de moitas das contratas públicas, o que fai inexplicable o motivo polo que este Goberno Municipal non conta con el, ao marxe da coherencia esperada dun goberno que se di de esquerdas.

O Grupo Municipal da Marea de Vigo aproveita a ocasión para advertir que de non cambiar certas prácticas que se están dando neste Concello á hora de concesionar, desde o momento da licitación, onde se están xerando múltiples recursos nos tribunais de contratación pública, ata o propio desenvolvemento da concesión, onde se dan de índole de reclamación laboral; imos ter outro ano de paralizacións, reclamacións, e, en definitiva, mala xestión do público tendo nas mans as condicións de vida e traballo de moitas persoas traballadoras dependentes deste Concello.