marea de vigo ante os despedimentos na concesionaria da xer (xestión de estacionamento regulado).
Por Marea de Vigo

Marea de Vigo cualifica os despedimentos na concesionaria da XER (Xestión de Estacionamento Regulado) como fraude laboral, persecución sindical, e un absoluto chantaxe ao Concello de Vigo ao ter obtido o contrato precisamente por ofertar coa rebaixa do 30% que agora executa a través de despedimentos.
Rubén Pérez: “Dornier nunca tivo que ser a adxudicataria deste servizo. Empresas como estas deben ser excluídas da contratación pública”
Vigo, 31-07-2018. Tras dous anos dun proceso de contratación absolutamente opaco, adxudicouse unha concesión a unha empresa cuxa oferta económica contaba cunha rebaixa de máis do 30%. Hoxe, tras dous meses da adxudicación, este tipo de proceso de contratación pública desembocou no despedimento de 8 traballadores. Despedimento levado a cabo dunha maneira absolutamente irregular e fóra do marcado pola lexislación laboral. Dun xeito totalmente reprobable, a empresa foi chamando, un por un, aos traballadores que ían ser despedidos, “curiosamente 6 dos 8 son afiliados ao mesmo sindicato que ostenta a representación e algún deles incluso foi delegado nos pasados períodos. Isto só se pode cualificar como persecución sindical” matizaba Rubén Pérez.
O propio proceso de contratación contou con informes técnicos en contra da adxudicación a esta empresa, e mesmo con varios escritos por parte da representación sindical alertando do que podía supoñer esta rebaixa, que debería ter sido avaliada como ‘baixa temeraria’. “Nun servizo como este, cuxo custe é fundamentalmente laboral, esa rebaixa ía repercutir ineludiblemente sobre o cadro de persoal. Ter ofertado un 30% por debaixo do prezo significa que a empresa Dornier xa tiña pensado facer os despedimentos. O que non esperaba ninguén era que fora dunha maneira tan ‘expeditiva’, aproveitando cando o persoal comeza a ir de vacacións, esnaquizando o dereito laboral máis básico e utilizando aos traballadores como medida de presión para pedirlle máis cartos ao Concello de Vigo” explicaba Rubén Pérez na rolda de prensa.
Marea de Vigo tamén cualifica o acontecido como “un claro incumprimento do contrato asinado entre a empresa e o Concello”, ao non manter todo o persoal subrogable adscrito ao servizo, mais quere lembrar que este non é o único incumprimento que está tendo Dornier. A día de hoxe, das 18 persoas que deberían estar activas no servizo, só están 10, e 5 delas, nin están habilitadas para multar.
O grupo municipal da Marea de Vigo espera que o Goberno Local, aínda que tarde, asuma o seu papel e se enfronte á empresa como concesionaria dun servizo público municipal que é. Para a Marea de Vigo, non é suficiente a readmisión destes traballadores, senón que é máis que necesario a expulsión de Dornier deste servizo e levar a cabo todas as accións necesarias para impedir que esta empresa volva concursar en ningún servizo público deste concello. “Este tipo de empresas ‘pirata’ como Dornier adícanse a ofertar máis baixo para obter as adxudicacións, para, xa co contrato asinado, empregar aos cadros de persoal como elementos de presión ás administracións públicas. Isto debería ser unha práctica absolutamente ilegal” concluía Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal da Marea de Vigo.