marea de vigo ante os orzamentos xerais do estado 2018

4 de Abril de 2018

O grupo municipal da Marea de Vigo lembra que miles de persoas na nosa cidade cobran axudas co iprem como referencia e a conxelación actual contida nos orzamentos do Estado é un golpe brutal para moitos programas sociais.

Rubén Pérez: “O verdadeiramente terrible dos orzamentos do Estado para Vigo vai ser o brutal impacto nos colectivos sociais da cidade máis desfavorecidos. Por unha banda polo escaso compromiso coa revalorización das pensións que afecta a miles de persoas, e máis gravemente pola conxelación do IPREM que conten o proxecto orzamentario. Hai que lembrar que Vigo ten máis de 2.439 beneficiarios da RISGA ”

Sobre o resto das partidas, Marea de Vigo ten xa manifestado que “o que importa é o que se executa” e hai partidas que aparecen neste exercicio e xa estiveron noutros sen chegar a ser executados.

Marea de Vigo preparará en colaboración co grupo de En Marea no Congreso emendas parciais á proposta orzamentaria que de novo coloca infraestruturas claves para a cidade (PLISAN, conexión do eixo atlántico con Portugal, mellorar na rede ferroviaria de pasaxeiros e mercadorías) con cantidades orzamentarias ridículas e que, de seguir a estatística de anteriores exercicios, quedará sen executar neste 2018 ao quedar xa menos de 8 meses de exercicio.

Para o grupo municipal da Marea de Vigo, “non hai compromiso para evitar a degradación cultural do M.A.R.C.O., non existe vontade de artellar unha biblioteca pública do estado na localización anunciada dos edificios xudiciais que quedarán baleiros coa cidade da xustiza e non se compromete en serio o trazado alternativo e melloras para a A-52, algo que xa vimos orzamentado en anos anteriores e que quedou usen execución – matiza Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal – lembramos por exemplo como nos orzamentos xerais do Estado do 2015 estiveron orzamentados máis de 6 millóns de euros para esta infraestrutura sen case execución final”.

A falla de compromiso para revalorizar as pensións medias, que no caso de Vigo veñen supoñer a maioría das pensións que se están a percibir, ao aumentar soamente o que supón un 3% sobre as pensións mínimas e as non contributivas, provoca que miles de vigueses e viguesas non vexan incrementadas as súas pensións de xeito análogo.

Do mesmo xeito, Marea de Vigo considera que o importante decrecemento orzamentario en materia de emprego (establécese unha redución de máis do 1,6% no SEPE e servizos análogos) pode ter unha incidencia moi negativa na comarca de Vigo, necesitada agora de recursos formativos e de orientación laboral para dotar de profesionais a sectores que parecen repuntar como o industrial e especialmente o sector naval.