marea de vigo ante a pretensión do goberno local en canto ao aforro de auga e estado da rede de abastecemento.

12 de Setembro de 2018

Marea de Vigo afirma que o Goberno Local non fixo absolutamente nada para aforrar auga dilapidando as inversións de Aqualia en humanizacións en lugar de na mellora da rede.

Xosé Lois Jácome: “É un insulto á veciñanza viguesa que se siga a defender o consumo mínimo como criterio de aplicación de tarifas en vez do consumo real, tal e como vén de facer o goberno local no expediente de modificación de ordenanza do subministro de auga e saneamento. A aplicación do consumo real e o seu reflexo na factura suporían un xeito efectivo de promover o aforro”.

Vigo, 12-09-2018. O grupo municipal da Marea de Vigo pide unha auditoría das inversións de Aqualia e esixe tanto a eliminación da rede de subministro obsoleta que está provocando constantes roturas especialmente nas parroquias do rural como a eliminación das tubaxes de fibrocemento dado o contido de amianto e os seus derivados.

“Recentemente, a Xunta de Goberno Local aprobou o recoñecemento de máis de 3 millóns de inversión de Aqualia nas que as humanizacións suman máis de 2,5 millóns escamoteadas baixo o eufemismo de ‘Obras de reposición da rede de abastecemento e saneamento na rúa e os seus custes asociados’ sendo o que eles chaman ‘custe asociado’ actuacións que nada teñen que ver co saneamento e subministro de agua (a Humanización de Camelias, fase III por exemplo, cun importe de 2 millóns de euros, apenas medio millón foi adicado á mellora da rede de subministro de auga e saneamento)” explica X. Lois Jácome.

Marea de Vigo leva xa anos denunciando a existencia de miles de metros de tubaxe onde existe aínda fibrocemento a base de fibras de amianto e cemento, xeralizadas nas redes de auga europeas dende os anos 40. Este material artificial vén obtido da mistura de auga, cemento e fibras de amianto, nas que estas representan entre o 10 e o 25% da mistura. A Directiva Europea 1999/77 do 26 de xullo do 1999 xa limitaba o uso e comercialización de substancias como o amianto (e por extensión, fibrocemento) nas tubaxes. A través da orde do 7 de decembro do 2001, no conxunto do estado queda prohibido o uso e comercialización de todo tipo de amianto e produtos que o conteñan, estando totalmente prohibidas dende 2003, tanto nos usos como na comercialización, esta vez, pola directiva europea 2003/18/CE, marcándose a súa substitución por outros materiais dado o potencial perigo no tempo. “É obrigatorio eliminar as tubaxes con fibrocemento que aínda existen nas liñas de abastecemento de auga potable na nosa cidade. Dentro das inversións de Aqualia debería ser prioritario a eliminación deste material por enriba de actuacións puramente ornamentais” explica Xosé Lois Jácome, concelleiro do grupo municipal da Marea de Vigo.

Na cuestión do aforro que pretende promover o goberno local, Marea de Vigo considera que “antes de empezar a guerra dos trasvases das augas da conca hidrográfica que non é de Vigo, como demagoxicamente expresa o alcalde, senón de todos os municipios adscritos á conca; hai que tomar outras medidas máis inmediatas e efectivas” e pon como exemplo as seguintes:

. Revisión da totalidade da rede para detectar lugares onde existen fugas permanentes e centrar as inversións nestes.

. Plan de renovación xeral da rede de abastecemento.

. Anular o baldeo de rúas con auga potable e estudar no laboratorio municipal a posible reutilización da auga depurada que enviamos á ría a través dos emisarios das EDAR de Teis e Coruxo así como un plan de aproveitamento para regadío e baldeo das rúas con agua da chuvia, recollida en tanques de tormenta e depósitos para tales usos.

. Empezar xa o estudo de remunicipalización e reapertura de EMAVISA (empresa municipal de auga privatizada nos 90) para que en 2020 a auga sexa 100×100 pública en Vigo.

. Instauración do bono solidario. Garantir un consumo mínimo gratuíto de auga de 3 metros cúbicos e a partir deste progresividade no recibo.

. Tarifa xusta por consumo.

Marea de Vigo considera que o abusivo recibo da auga en Vigo ten a súa orixe no sistema recollido na concesión da privatización da empresa municipal de augas EMAVISA nos anos 90, no que se fixou un consumo cun primeiro tramo de 30 metros cúbicos bimensuais (con independencia de se se consume ou non), cuestión que significa ter aínda a día de hoxe un sistema de tramos tarifarios tremendamente inxusto. “Tendo en conta tamén que nos últimos 12 anos o recibo da auga aumentou un 206%, catro veces o IPC de 12 anos, se os veciños e veciñas de Vigo consumiran o que pagan xurdirían rapidamente problemas de abastecemento en toda a cidade” conclúe Xosé Lois Jácome.