marea de vigo ante a proliferación de casinos e casas de apostas na nosa cidade.

29 de Xaneiro de 2019

Marea de Vigo alerta dos riscos psicosociais que pode xerar a proliferación de casinos e casas de apostas como a que vai abrir en Navia e o casino de A Laxe cuxa licenza está previsto outorgarse este xoves na xerencia de urbanismo e pide un estudo previo.

Xosé Lois Jácome: “No caso de A Laxe, o Goberno de Abel Caballero e Zona Franca semellan estar traballando en ‘comandita’ para abrir un casino con capacidade para máis de 500 persoas en A Laxe, á vez que se pretende abrir unha casa de apostas en Navia, o barrio coa poboación máis nova de Galicia”.

O Grupo municipal da Marea de Vigo pedirá o xoves na xuntanza da Xerencia de Urbanismo, a través de Rubén Pérez, a paralización da licenza de reforma presentada polo casino da empresa “Toja SA” para os locais no centro comercial de A Laxe en tanto en canto o Plan especial de ordenación do Porto de Vigo (que afecta ao espazo) está afectado tamén pola anulación do Plan de usos do Porto anulado por sentenza xudicial.

Vigo, 29-01-2019. “O feito de que o casino proposto estea dentro do ámbito do Plan especial de ordenación do Porto de Vigo (PEOPV) esixe cando menos cautela – afirma X.L. Jácome – tense que aclarar cal é o impacto da anulación definitiva da Delimitación de Espazos e usos Portuarios do Porto de Vigo no PEOPV xa que a propia formulación do Plan Especial e as modificacións feitas do mesmo requiren unha aprobación previa sobre a delimitación de espazos e usos portuarios, sendo este o instrumento básico para aplicar posteriormente as cuestións derivadas do Plan Especial Portuario”.

Por outra banda, para a Marea de Vigo, “o feito de propoñer a apertura deste espazo de xogo e apostas na cidade é un erro brutal, mesmo coa gravidade de ser impulsado pola Zona Franca. Significa incidir nun perigoso crecemento da ludomanía, máxime agora, coa recente proliferación de campañas moi agresivas nos medios de comunicación, de casas de apostas deportivas online que veñen a normalizar o xogo especialmente entre os mozos e mozas” explica Xosé Lois Jácome.

Marea de Vigo afirma que “o que se está transmitindo desde as casas de apostas ou casinos, de forma física ou a través de Internet e unha idea moi clara: xerar riqueza dun xeito desvinculado da actividade laboral e sen necesidade da mesma, xunto ao acceso e capacidade de investir os cartos e, de facelo ben, multiplicalos facilmente. É o momento de que as diferentes institucións adapten a normativa á realidade social, económica e tecnolóxica da actividade do xogo antes de que se converta nun problema sen retorno”.

Marea de Vigo considera que o Concello de Vigo ten que realizar unha actuación activa e non colaboradora con este tipo de negocios, tanto poñendo as trabas legais posibles á apertura dos mesmos como regulando de xeito restritivo a publicidade destes locais cara a frear a súa expansión a través das ordenanzas ou as normas urbanísticas, así como medidas de prevención da ludomanía. O grupo municipal ten previsto trasladar propostas ao respecto en forma de moción nos vindeiros meses.