marea de vigo ante a proposta de disolución da mancomunidade da área intermunicipal de vigo

11 de Decembro de 2017

Marea de Vigo, ante a proposta de disolución da Mancomunidade da Área Intermunicipal que terá lugar no día de hoxe, defenderá o mantemento da mesma mentres non se reactive a Área Metropolitana.

A pesar da case inexistente vida da Mancomunidade, para a Marea de Vigo, esta podería chegar a ser unha útil ferramenta á hora da planificación de servizos públicos compartidos entre os concellos pertencentes á mesma.

Rubén Pérez e Marga L. Barreiro, representantes da Marea de Vigo no Pleno da MAIV, afirman que “non ten sentido adiantar o debate da desaparición ou non da entidade antes da creación efectiva da Área Metropolitana, xa que non existe un espazo de traballo conxunto dos concellos pertencentes a este órgano e esta podería xogar un relevante papel na configuración de consorcios públicos e como factor de equilibrio entre dúas administracións (Xunta e Concello)”

Para Marea de Vigo, son necesarios consensos entorno á xestión mancomunada de servizos públicos, cara a artellar unha nova vida ao órgano para comezar o traballo de reconstrución da Área Metropolitana de Vigo, polo que insta ao PP e ao PsdG-PSOE a non empregar a MAIV como instrumento partidista, feito que, no seu día xogou un importante papel durante a corta vida da Área Metropolitana de Vigo.

Marea de Vigo considera polo tanto, que é necesario manter á Mancomunidade da Área Intermunicipal mentres non se constitúa de novo a Área Metropolitana, e dotala de contido determinando na mesma o papel das entidades locais e supralocais na xestión de servizos públicos.