marea de vigo ante a publicación da aprobación da ordenación provisional.

25 de Setembro de 2018

Marea de Vigo denuncia o escurantismo do goberno local do PSOE á hora de difundir a aprobación da Ordenación Provisional e a posibilidade de facer alegacións que ten a veciñanza.

Rubén Pérez: “Publicada xa a aprobación da Ordenación Provisional no DOG, o mínimo é que o Concello publique e difunda toda a información xunto a posibilidade de facer alegacións e os prazos para elo, rematando neste caso o día 15 de outubro. Non existe nin unha mínima mención a este asunto nas canles de difusión que manexa o goberno local”.

Vigo, 25-09-2018. Na rolda de prensa ofrecida no día de hoxe, o grupo municipal da Marea de Vigo explicou a súa postura con respecto ás novidades urbanísticas, neste caso, a Ordenación Provisional. “O pasado 14 de setembro saía publicado no DOG a aprobación da Ordenación Provisional urbanística para Vigo. Medida que, de xeito directo, afecta a arredor de 50.000 titulares catastrais, titulares que recibirán unha carta tipo na que se lle informará que ‘unha das súas propiedades está afectada’ sen máis información e detalles ao respecto, tendo un prazo para facer alegacións segundo a data de recepción da carta. Á marxe destas persoas, calquera persoa ou colectivo, de acordo coa lexislación, pode facer alegacións á proposta de Ordenación Provisional. Desde que se remitiu á proposta de Ordenación Provisional á Xunta, fai máis dun ano, o goberno local debería ter informado á cidadanía pormenorizadamente. É necesaria unha maior implicación do Concello para disipar todas as dúbidas da veciñanza, mais semella non ter interese niso” explicaba Ruben Pérez, voceiro do grupo municipal da Marea de Vigo.

Con respecto ao Pleno de mañá, Rubén Pérez sinalou a intención do grupo municipal da Marea de Vigo con respecto á moción do Partido Popular sobre o conflito na concesionaria da Xestión de Estacionamento Regulado, na que proporá unha emenda de engadido pedindo o rescate inmediato do servizo por parte do Concello.