marea de vigo ante a redacción do novo pxom.

16 de Xaneiro de 2018

Marea de Vigo pide a apertura dunha comisión de planeamento para o seguimento dos traballos de redacción do novo PXOM onde se debata politicamente o modelo de cidade.

Rubén Pérez: “O modelo de expansión da burbulla inmobiliaria baixo o que se redactou o PXOM do 2008 xa non vale para Vigo”

Tras a aprobación dos pregos técnico e administrativo para a contratación da redacción do novo Plan, Marea de Vigo considera que é o momento de artellar as medidas participativas precisas cara a construción dun novo Plan adaptado á realidade da cidade.

Para a Marea de Vigo, segundo o expresado hoxe en rolda de prensa, “xa non falamos de revisións ou de medidas improvisadas senón que, por fin, dous anos despois da anulación do PXOM do 2008, comeza o traballo no concreto.”

“Un plan xeral de ordenación municipal non é unha decisión técnica, senón que detrás hai unha serie de decisións políticas, é por isto que desde a Marea de Vigo pedimos que se convoque unha comisión de planeamento. Existe o Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo, mais ese non é o espazo onde falar politicamente de urbanismo, do modelo de cidade que queremos entre todas e todos. No ano 2008 decidiuse un modelo expansivo de cidade, baixo unhas premisas demográficas que non se cumpriron, premisas feitas baixo uns criterios políticos”, explica Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo.

Cos calendarios cos que se traballa para o novo PXOM, o horizonte é de 4 anos como mínimo, tempos que, segundo a Marea de Vigo, resultarían lesivos para os intereses sociais e económicos da propia cidade.

“Hai que volver a recuperar unha parte importante da elaboración dun Plan Xeral, como é o traballo previo á redacción da memoria e a presentación documental do mesmo, baseado no diálogo que hai que abrir con todos os sectores económicos e sociais da cidade, facendo un mapa demográfico, económico, sociolóxico, onde se teñan en conta todos os factores e necesidades de Vigo”, engade Rubén Pérez.

O Grupo Municipal da Marea de Vigo tamén considera que o tempo de exposición pública, segundo os tempos que marca a Xunta para a elaboración do plan, é excesivamente escaso, tendo a veciñanza apenas dous meses para poder facer as alegacións que consideren, polo que Marea de Vigo pide tamén un deseño de participación cidadá que permita á veciñanza poder contar co tempo e a facilidade necesaria.