marea de vigo ante a sentenza que anula a modificación da rpt do concello.

14 de Novembro de 2018

Marea de Vigo afirma que xa non hai escusa para non sacar a concurso as case 200 prazas de A1 e A2 tras a sentenza xudicial que anula a modificación da RPT e cuestiona o sistema de provisión de posto mediante nomeamento provisional sen convocatoria.

O grupo municipal cualifica a sentenza obtida tras a súa denuncia como o inicio dun cambio no modo de xestión do Concello, arrastrado desde hai máis de 30 anos e consolidado polo alcalde do PSOE, Abel Caballero desde o ano 2007.

Vigo, 14-11-2018. Na rolda de prensa ofrecida no día de hoxe, Rubén Pérez e Xosé Lois Jácome fixeron unha valoración da sentenza recibida no día de onte, na que o Xuíz do Contencioso-Advo. número 1 vén declarar contrario ao ordenamento xurídico o sistema de adxudicación de postos do Concello para cubrir os cargos de maior responsabilidade, ao declaralo completamente ilegal e contrario á normativa aplicable. Afecta a todos os funcionarios dos grupos A1 e A2 de titulación, e dicir, a uns douscentos postos de traballo. “Mediante este sistema de cobertura de postos, realizado ata a data sen mediar convocatoria pública aberta ao persoal da función pública, o Goberno municipal “poñía e depoñía ao seu antollo” ao persoal funcionario que consideraba nos postos de traballo mellor retribuídos. Dáse ademais a circunstancia de que a práctica totalidade dos postos de traballo reservados a estas dúas categorías funcionariais atópanse ocupados de forma provisional, e dicir, as/os funcionarias/os que os ocupan foron adscritos aos seus respectivos postos sen mediar, tan sequera, unha convocatoria pública para a súa cobertura definitiva mediante concurso de méritos, o que vulnera os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade”.

Xosé Lois Jácome matizou o expresado na sentenza con respecto ao carácter temporal deses postos de traballo, xa que,“estes deben ter un carácter absolutamente excepcional e restrinxido a situacións conxunturais de extraordinaria e urxente necesidade, con carácter moi limitado no tempo, xa que, por unha banda, ao persoal nomeado deste xeito, prívaselle da necesaria independencia e obxectividade coa que debe actuar no seu exercicio, e pola outra, prívaselle ao resto do persoal funcionario a posibilidade de acceder a ese posto de traballo”.

“Este ilegal sistema de cobertura, tal e como reflicte a documentación remitida no seu día ao xulgado por parte do Concello, xa fora denunciado por organizacións sindicais do Concello de Vigo ante a Concellería de Xestión Municipal, e, do mesmo xeito, chegando incluso a advertir da súa ilegalidade o propio Secretario Xeral da Corporación nun recente informe solicitado polo grupo municipal do Partido Popular. A pesar desas advertencias legais, a Xunta de Goberno, conforme propón a Xefatura de Recursos Humanos, decidiu impoñer para todos os postos dos Grupos A1 e A2 o sistema de cobertura da libre designación, sistema que agora os tribunais de xustiza anulan, estimando un recurso interposto polo grupo municipal da Marea de Vigo” explicou Rubén Pérez.

Desde a Marea de Vigo se quere incidir nas consecuencias reais destas prácticas xa non só sobre o cadro de persoal do propio Concello senón sobre a cidadanía. “As xefaturas veñen sendo a ‘columna vertebral’ do Concello. Para que se adxudique un 30 % máis barata a XER a unha empresa, hai un/unha funcionario/a que emite un informe, para que se decida se entra unha ou outra empresa na concesión de mantemento de zonas verdes, hai outro informe, mesmo para determinadas cuestións sobre o Auditorio Mar de Vigo, ou moitas outras cuestións que logo acaban en procesos xudiciais como a Operación Patos” conclúe Rubén Pérez.