marea de vigo ante a sentenza de anulación de cobros do ibi e a plusvalía.

2 de Outubro de 2017

Marea de Vigo cualifica de irresponsable a desidia do Goberno Municipal en canto á sentenza do contencioso-administrativo que anula cobros de ibi e plusvalía e anima a toda a veciñanza afectada a que reclame os recibos cobrados indebidamente.

Na proposta de ordenanzas para o 2018, o Goberno Municipal xa demostraba ter coñecemento desta sentenza, abrindo a porta a unha suba do tipo impositivo do IBI para paliar o descenso de ingresos que puideran sufrir as arcas municipais ao ser aplicada a propia sentenza.

Vigo, 2.10.2017. O fallo do Contencioso-Administrativo nº 1 anulando os cobros de plusvalía e parte do IBI urbano vén corroborar o dito en múltiples ocasións polo Grupo Municipal da Marea de Vigo, incluso antes da anulación do PXOM, cando, en setembro do 2015, preguntaba no Pleno do Concello as consecuencias dunha sentenza (2159/2014 do TS) que versaba precisamente sobre os cobros como IBI urbano sobre solo non desenvolvido, decretando que esta falta de desenvolvemento facía que se tributase como rústico, co IBI correspondente a este tipo.

Alén disto, e xa co PXOM anulado en decembro do 2015, a Marea de Vigo seguiu incidindo neste tema, solicitando no mesmo mes da anulación, un informe xurídico á consultora espublico, onde tamén se afirmaba que, e segundo explica Rubén Pérez, “no caso do imposto de bens inmobles que de clasificados como rústicos pasaron a urbanos durante a vixencia do PXOM sen ter planeamento, este debía ser anulado e en consecuencia, devolto o importe cobrado. Ademais, o Concello tería que comunicar esta cuestión á delegación de catastro, encargada ao fin de determinar o valor catastral dos inmobles. Unha vez coñecido un diferente valor catastral teñen que anularse as liquidacións no seu día practicadas notificando as procedentes e devolvendo a parte satisfeita en excedencia a través da institución de ingresos indebidos, feito que nunca aconteceu.”

Agora, o fallo do Contencioso Administrativo nº1 non deixa lugar a dúbidas, e recoñece que a clasificación como urbana de moitas fincas queda suspendida definitivamente pola anulación do PXOM do 2008, collendo como referencia o plan do 93. “Non queda máis remedio que facer unha comunicación de oficio a tódalas persoas titulares de fincas afectadas e proceder á devolución dos importes dos IBI dos últimos catro anos, non vale xa non deixar pasar un ano, tal e como se fixo coa anterior sentenza xudicial (2159/2014 do TS), para que as persoas afectadas non puidesen reclamar.” afirma Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo, engadindo que “dende a Marea de Vigo imos poñer moita atención en que isto se cumpra, do mesmo xeito que nos ofrecemos para informar do que debe facer á veciñanza que poida estar afectada para recuperar os cartos que lle corresponden”.