marea de vigo ante a situación da biblioteca do estado en vigo

12 de Marzo de 2018

Marea de Vigo pide acordos entre as administracións sobre a Biblioteca do Estado en Vigo, ao existir xa un pacto entre a Xunta e o Goberno central para situala nos edificios dos actuais xulgados e non na antiga panificadora, tal e como está concibido no concurso de ideas do Concello para ese espazo.

O grupo municipal da Marea de Vigo pide que se adique o espazo que queda sen uso no proxecto da panificadora a dotar dun espazo público ao movemento veciñal, cultural e asociativo de Vigo.

Vigo, 12-03-2018. O concurso de ideas para a rehabilitación da Panificadora daba para a Biblioteca do Estado a maior parte da edificabilidade. Este espazo, tal e como denunciaba Marea de Vigo, non era suficiente, mais agora, co acordo entre a Xunta e o Goberno Central, ese lugar queda xa sen uso.

A situación actual, segundo Marea de Vigo, vén dada polo erro cometido polo Concello ao abrir un concurso de ideas arquitectónico e analogamente unha redacción da modificación do plan parcial, sen ter o acordo de usos coas administracións chamadas a sufragar inversións como unha biblioteca do Estado.

Marea de Vigo lembra tamén que xa estiveron enriba da mesa para este ámbito, dende vivendas e oficinas, a mesma biblioteca pública ou un centro socio-cultural; ideas saídas dos sucesivos gobernos municipais, pero que non chegaron a concretar nada sobre expropiación e adquisición dos terreos.

En canto á localización da Biblioteca do Estado nos edificios dos actuais xulgados, o grupo municipal da Marea de Vigo considera que isto contribuirá a aliviar os problemas económicos que se crearían de non existir nada neses espazos ao trasladar os xulgados ao antigo Hospital Xeral para a nova “Cidade da Xustiza”, polo tanto, a nova situación suporá un acougo para o pequeno comercio da zona.

Marea de Vigo seguirá a defender, e segundo o seu programa electoral “a conservación e rehabilitación íntegra de todos os espazos, sen cambiar as súas características estruturais pero defendendo primar a reutilización como espazo público e aberto con titularidade pública, estando de forma continuada á disposición e servizo da cidadanía”. No caso da Panificadora, esta debe conter un espazo que aporte alternativas ao auditorio Mar de Vigo, recollendo como alternativa a vella idea de “Casa da Solidariedade” (edificio colectivo con oficinas e espazos para ONG´S e entidades sociais da cidade).