marea de vigo ante a situación do estadio de balaídos.

5 de Outubro de 2018

Marea de Vigo pide diálogo entre o Real Club Celta e o Goberno local para solventar a situación do estadio de Balaídos e o convenio entre a administración local e o Club.

Xosé Lois Jácome: “A pugna entre o presidente do Celta e Abel Caballero é un esperpento que xa está durando demasiado. Semella que cada certo tempo o Sr. Mouriño lanza un ultimátum á cidade, mais sobre o que se está a falar é unha instalación pública municipal que é de todas e todos os vigueses”.

Vigo, 05-10-2018. Xosé Lois Jácome ofreceu no día de hoxe unha valoración sobre os últimos acontecementos arredor da situación do estadio de Balaídos, agudizados a través da rolda de prensa que no día de onte ofrecía Carlos Mouriño, Presidente do club. “Marea de Vigo sempre valorou que a través do Convenio entre o Celta e o Concello existían posibilidades de recuperar parte do investimento público, mais o que se está vendo agora é unha absoluta ausencia de diálogo entre as partes. Esta falta de diálogo trae como consecuencias as deficiencias que o club vén de denunciar, como é a cuestión da iluminación. Isto é un problema para o club pero estamos vendo que tamén é un problema para que se chegue a substanciar ese convenio, convenio que xa non sabemos se vai ser a 50 anos ou xa a moitos menos” explicaba o concelleiro.

Do mesmo xeito, lembrou que a Marea de Vigo “sempre foi moi crítica cos investimentos públicos en Balaídos, tanto os investimentos do Concello como os da Deputación. Estes últimos – subliñou – sempre son decididos desde o propio Goberno local. Para a Marea de Vigo, é necesario un cambio de actitude de ambas partes, do alcalde do PSOE e da directiva do RC Celta. Queremos lembrar que sobre o que se está a falar é unha instalación pública municipal que é de todas e todos os vigueses”.

Sobre o proxecto do Celta con respecto á construción dunha nova instalación deportiva en Mos, Xosé Lois Jácome matizou que “o proxecto está moi no aire ao non ter aceptación por parte da Comunidade de Montes de Tameiga; en todo caso, este grupo municipal está en contra, lembremos que leva asociado un centro comercial e está a escasos metros do antigo proxecto de Porto Cabral, proxecto sobre o que estivemos e seguimos estando en contra. Os motivos polo tanto son os mesmos”.