marea de vigo ante a situación do servizo de salvamento e socorrismo en vigo

23 de Xullo de 2019

MAREA DE VIGO-SON EN COMÚN DEMANDA O CUMPRIMENTO DOS ACORDOS DE PLENO E A VIXILANCIA DO GOBERNO LOCAL SOBRE A CONCESIÓN DO SERVIZO DE SOCORRISMO E SALVAMENTO NAS PRAIAS DE VIGO.

O persoal da concesionaria denuncia situacións de incumprimentos en materia laboral e o mal estado do material de traballo, situación pola que anuncian o comezo das mobilizacións para o vindeiro sábado.

23/07/2019. Marea de Vigo-Son En Común lembra que en abril deste ano aprobouse no Pleno do Concello de Vigo unha moción que instaba á ampliación dos horarios do Servizo de Salvamento e Socorrismo e que actualmente cubre 10 praias da Cidade dende o 15 de xuño ate o 15 de setembro. Na moción, aprobada, instábase a ampliar o servizo cando menos do 1 de xuño ao 30 de setembro e ás fins de semana durante os meses posteriores de existir afluencias notables de bañistas nos areais vigueses.

Este servizo municipal externalizado e rexido polo prego concesional foi outorgado á empresa MOVE Servizos de Ocio. Un servizo que toma máis importancia cada ano dado o notable incremento do número de intervencións que se dan por tempada. Por exemplo, o pasado verán contabilizáronse 4329 intervencións e 60 evacuacións a centros hospitalarios (dúas cada tres días).

Lamentablemente os acordos do Pleno non se levaron adiante e seguen os mesmos horarios de campañas anteriores e, por desgraza, e tal e como denuncia o persoal,  “con situacións laborais e de recursos materiais precarios que obrigaron a convocar as mobilizacións a partir deste sábado”.

Marea de Vigo-Son en Común incide en que “as praias da nosa cidade reciben cada ano máis e máis persoas usuarias; ademais de vigueses e viguesas, son cada vez máis as e os turistas as que abarrotan as nosas praias durante os meses de verán. Vigo é a cidade de España onde máis tarde finaliza o verán e onde máis se están incrementando os días estivais e polo tanto, e dada a importancia dun Servizo Público como o de Salvamento e Socorrismo é á luz destes datos, entendemos que a ampliación deste servizo se trata dunha necesidade pública, polo que é preciso pasalo de tres a catro meses, garantindo así unha correcta atención ás persoas usuarias das praias da nosa cidade. Isto non pode non ir acompañado do estrito cumprimento das obrigas laborais que emanan do convenio colectivo de aplicación cara as e os traballadores do servizo”.

Marea de Vigo-Son En Común destaca tamén que a moción aprobada instaba ao Pleno do Concello a realizar un estudo das necesidades económicas así como todas as relativas á modificación do prego cara á mellora deste para así poder cumprir o acordado e dar o servizo adecuado, estudo ate o de agora inexistente, polo que lamenta que, “como xa nos ten acostumado este Goberno municipal, pase outro ano máis sen facer nada ao respecto”.