marea de vigo ante a suspensión do requisito de empadroamento da passvigo

26 de Abril de 2018

Marea de Vigo responsabiliza da suspensión da PassVigo a Abel Caballero e á Xunta de Galicia e insiste en que a solución pasa pola sinatura dun convenio entre ambos.

Rubén Pérez: “Responsabilizamos a Abel Caballero por ter convertido o debate do transporte metropolitano nunha batalla electoral, e á Xunta por retroalimentar esta actitude ao paralizar a constitución da área metropolitana.”

Para o grupo municipal da Marea de Vigo, os últimos acontecementos xudiciais arredor da cuestión do empadroamento para a obtención da PassVigo, “lévannos ao punto de inicio, cando existía unha tarxeta verde que se entregaba de xeito indiscriminado e sufragándose exclusivamente polo Concello de Vigo, coa nula colaboración económica por parte da Xunta.”

Marea de Vigo segue a considerar polo tanto que a única solución vén, ou ben do recoñecemento asinado pola Xunta e o Concello no 2015 ou ben pola sinatura dun novo convenio entre ambas administracións. Deste xeito a Xunta asumiría a maior parte do billete das persoas non empadroadas en Vigo e o Concello de Vigo seguiría facéndose cargo da bonificación das persoas empadroadas (80% Xunta e 20% Concello), evitando as inxustizas que se están dando por exemplo con Concellos como o de Cangas, que paga parte da bonificación do transporte de ría, podendo ser empregado por unha viguesa ou vigués aínda que o Concello de Vigo non participe no transporte metropolitano que así o permite.

Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal da Marea de Vigo explicaba hoxe que “é correcto facer desde o Concello de Vigo unha bonificación ás persoas empadroadas, e é perfectamente lexítimo; hai moitos concellos, incluso gobernados polo PP que así o fan, mais contando sempre coa alternativa do transporte metropolitano. O problema é que aquí non hai esa alternativa, a batalla xerada entre o goberno de Abel Caballero e a Xunta de Galicia fixeron imposible a súa existencia, e as consecuencias son que o Concello de Vigo, polo de agora, terá que facerse cargo do 100% das bonificacións, con independencia do empadroamento.”

“Finalmente, todo isto só serviu para enviar unha carta do alcalde a todos os domicilios vigueses, para imputar máis gastos pendentes de amortización no contrato con Vitrasa, e en definitiva, condicionar deste xeito o futuro do transporte cuxa concesión remata o próximo ano.” remata Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal da Marea de Vigo.