marea de vigo ante a utilización da psa vigo como exemplo de precarización.

29 de Xaneiro de 2018

O Grupo Municipal da Marea de Vigo cualifica como moi preocupante a utilización da planta de PSA de Vigo como ameaza ao cadro de persoal da planta de Zaragoza, xa que evidencia que a factoría viguesa é exemplo de precariedade laboral no sector da automoción.

Rubén Pérez: “é lamentable que se empregue o termo ‘diferencial Vigo-resto de fábricas’ para ameazar ao cadro de persoal ou mesmo para rexeitar calquera proposta dos sindicatos, como a lóxica petición de subida salarial anual equivalente ao IPC ou a pausa de descanso no medio da xornada laboral. Isto o está facendo a dirección o grupo en Figueruelas nos escritos ao seu comité de empresa, mais o realmente preocupante son as condicións que motivan esa denominación, que non veñen explicar outra realidade que a precarización que está a sufrir a planta de Vigo xa desde hai uns anos

Marea de Vigo considera que as “cada día máis precarias” condicións laborais na factoría do grupo PSA en Vigo, onde se externalizan procesos e postos de traballo coa escusa de “creación de centro especial de emprego”, están sendo un experimento laboral para condicionar convenios e negociacións en diversas plantas, expresado sen pudor, neste caso, ante o comité de empresa da factoría de Figueruelas facendo uso do concepto “diferencial Vigo-resto”.

“PSA ten que deixar de ensuciar o nome de Vigo por Europa adiante equiparando a cidade co seu laboratorio de precariedade. Lembrámoslle ao Grupo que a cidade ten feito esforzos encomiables para satisfacer as necesidades e plans industriais do grupo. Mesmo o goberno autonómico improvisou unha lei, chamada coloquialmente “lei Vigo”, en realidade “lei de Medidas en Materia de Proxectos Públicos de Urxencia ou Excepcional Interese Público” para permitir de facto a reordenación urbanística do ámbito do polígono de Balaídos. Vigo responde e PSA debería crear emprego de calidade na cidade e non exportar modelos de explotación e miseria cos que ameazar ao resto das plantas do grupo industrial” engade Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal.

Marea de Vigo amosa a súa solidariedade cos traballadores e traballadoras da planta de Figueruelas así como felicita as seccións sindicais e membros do comité de empresa de PSA Vigo que amosaron a súa solidariedade e disposición a defender os dereitos das e dos compañeiras/os de Zaragoza desde Vigo.