marea de vigo ante a xestión das responsabilidades sobre o accidente do marisquiño por parte da autoridade portuaria e o concello.

21 de Agosto de 2018

Marea de Vigo afirma que un evento como o Marisquiño non pode ser a vítima da inoperancia de dúas administracións que durante anos non foron quen de asumir as súas responsabilidades: Concello de Vigo e Autoridade Portuaria.

Rubén Pérez: “Non hai outra solución que non pase polo cese inmediato do Presidente da Autoridade Portuaria por parte da Xunta. As súas declaracións culpabilizando á organización do Marisquiño veñen sumarse ao seu caudal de despropósitos, como sucedeu coa xestión do conflito da estiba ou o permanente enfrontamento que mantén cos traballadores e traballadoras do Porto” .

Vigo, 21-8-2018. O grupo municipal da Marea de Vigo vén de ofrecer unha rolda de prensa esta mañá na que valoraba as últimas declaracións emitidas polo responsable da Autoridade Portuaria e a xestión tanto desta administración como do Concello de Vigo ao respecto do accidente do Marisquiño. “Non se pode esperar un minuto máis á apertura da Comisión de Investigación, que terá tamén que analizar a actuación levada a cabo en canto ao control de aforo do evento, co obxectivo de garantir a seguridade en futuros eventos. Isto ten que ser resolto agora, e non dentro de 10 anos, como semella vai acontecer ao non dar a resposta que corresponde por parte das institucións – explicaba Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal – ademais, o alcalde de Vigo tería que actuar con responsabilidade, mais semella ter unha “UTE” montada co presidente da Autoridade Portuaria, levando ambos a cabo unha xestión opaca sobre o acontecido e amosando a existencia dun pacto entre ambas administracións para eludir responsabilidades”.

Para a Marea de Vigo, carece de total sentido que “da noite á mañá, poidan aparecer dúbidas sobre o plan de autoprotección, ou sobre se os concertos estaban solicitados na praza da Estrela, como sempre foi, ou na localización onde se celebraron finalmente, e, sobre todo, como pode dicirse que o responsable é a empresa ou asociación que solicita un espazo público para facer un acto” tal como matizaba Rubén Pérez.

Pola súa banda, Xosé Lois Jácome incidía na falta de transparencia á hora de aportar a documentación e a necesidade de poñer ferramentas para evitar futuros accidentes semellantes ao acontecido no Marisquiño. ”A día de hoxe non se ten recibido nada da documentación solicitada e necesaria para que poidamos dilucidar politicamente quen son os responsables deste terrible accidente vivido no Marisquiño. As administracións teñen que poñerse xa a traballar e a asumir responsabilidades, co obxectivo de evitar que nun futuro volva a pasar un accidente destas características”.

A colación disto, Jácome lembraba que “esa zona non é a única que a causa da pugna constante entre administracións durante anos pode resultar perigosa para a cidadanía, como por exemplo o paseo de Bouzas, que se atopa en estado lamentable e foi obxecto de diferenzas constantes á hora de facerse cargo do seu arranxo, neste caso, entre Zona Franca e Concello. Vaise aprender algo desta experiencia no Marisquiño, máis ala de aprender, outra vez, a ‘escaquear’ responsabilidades?” cuestionábase o concelleiro da Marea de Vigo.