marea de vigo anuncia a súa dimisión do padroado do marco, onde estaba representada pola concelleira oriana méndez.

25 de Marzo de 2021

Marea de Vigo anuncia a súa dimisión do Padroado do MARCO, onde estaba representada pola concelleira Oriana Méndez.

“Dende a Marea de Vigo expresamos a nosa rotunda reprobación ás declaracións do concelleiro de Cultura, Abel Losada, que, de xeito máis autoritario que democrático, despreza a lexítima disidencia, a lexítima crítica ás políticas culturais do Goberno local” afirma Oriana Méndez, concelleira do Grupo municipal da Marea de Vigo.

Marea de Vigo non lexitima a continuidade do Padroado da Fundación Marco coa súa composición actual e, polo tanto, Oriana Méndez, como concelleira da Marea de Vigo, dimite do citado organismo.

Vigo, 25-03-2021. Ante as recentes declaracións do edil de Cultura, o Grupo municipal da Marea de Vigo, que tiña unha persoa representante no Padroadodo MARCO, anuncia a súa saída do mesmo. Oriana Méndez, concelleira do Grupo que ostentaba o cargo ata o día de hoxe, sinala que “o concelleiro segue, nas súas declaracións, a tónica do Goberno local en canto nesta cidade un grupo de persoas, sexan ou non de grupos políticos, expresan opinións críticas”. “En primeiro lugar – prosigue a concelleira – , o concelleiro deslexitima á cidadanía na súa capacidade de organizarse e de exercer crítica, é dicir, despreza a esencia mesma da democracia e, en segundo lugar, sinala cara a Santiago de Compostela no enésimo intento, xa ridículo, de vitimizar Vigo e engrandecer, ao mesmo tempo, as prácticas culturais do Goberno local”.

“Esta maneira insistente de non entender que a democracia inclúe a disidencia e que é tamén un deber dos gobernantes escoitar, atender e tomar nota das opinións críticas, é insostible – incide a concelleira – . Cando as críticas proceden dos grupos da oposición, neste concello non se escoitan e cando non proceden de grupos políticos, senón de cidadáns individuais ou organizados colectivamente, tampouco se escoitan”. Ante unha denuncia pública que sinala o declive do MARCO como múseo de arte contemporánea, a endogamia na súa programación e mesmo as prácticas clientelares na elección dos cargos, o concelleiro responsable, Abel Losada, pretende exercer unha desautorización destas críticas porque proveñen de cidadanía que, en boca do mesmo Losada, “nin sequera se presenta ás eleccións”. “Pero á cidadanía – responde Oriana Méndez – que si nos presentamos ás eleccións e que humildemente temos dous concelleiros no Concello de Vigo tampouco se nos escoita. Desde 2017 vimos denunciando practicas efectivamente clientelares e non foron tampouco escoitadas nin obtivemos resposta nin vontade construtiva” engade.

Polo tanto, Marea de Vigo considera que esta resposta por parte do Goberno local á crítica necesaria nunha sociedade viva e democrática “é insostible”, e Oriana Méndez dimite como concelleira representante da Marea de Vigo no Padroado da Fundación MARCO. “Un Padroado que, de certo, dende o comezo debeu estar conformado non só por representantes políticos, senón por representantes do tecido cultural da nosa cidade” matiza a concelleira.

Do mesmo xeito, Oriana Méndez reproba as formas do concelleiro á hora de expresarse sobre a oposición. “Abel Losada está facendo aquilo do que acusa á oposición e á sociedade civil que ergue a voz, cando nos sinala como portavoces do pp de xeito ridículo: estas prácticas dan azos ao Partido Popular que xa anunciou hai tempo a súa idea de trasladar a Vigo unha delegación do Centro Galego de Arte Contemporánea, no Casco Vello. Cando iso anunciou o PP no Pleno do Concello de Vigo, nós defendimos que o que cumpría era FORTALECER o MARCO como museo de arte contemporánea -non como feira de mostras- por parte de todas as administracións de goberno: Concello, Xunta e Goberno central”.

Marea de Vigo volve instar e urxir ao Goberno local a que respecte e escoite á cidadanía organizada que sinala a decadencia e o declive do MARCO, o clientelismo e os amiguismos nas prácticas culturais desta cidade na que, segundo relata Oriana Méndez, “non existe ningunha política de axuda directa a creadores e creadores, ningún recoñecemento Cidade de Vigo, por exemplo, con múltiples categorías que premien e dean pulo as distintas prácticas artísticas” . “Na cidade de Martín Códax, na cidade que sorprendeu a Xulio Verne, na cidade d’Os Resentidos e de multitude de artistas descoñecidos, creadoras e creadores que están latexando subterráneos dende hai demasiado tempo: non hai máis que amiguismos” lamenta a concelleira.