marea de vigo apoia as demandas do persoal de vitrasa e critica ao goberno local por non asumir a súa responsabilidade na xestión dunha concesión municipal.

26 de Novembro de 2021

Marea de Vigo apoia as demandas do persoal de VITRASA e critica ao Goberno local por non asumir a súa responsabilidade na xestión dunha concesión municipal.

Rubén Pérez: “O Goberno de Abel Caballero segue mirando para outro lado sen asumir ningunha responsabilidade e dicindo que é ‘trátase un conflito privado entre empresa e traballadores/as’ a pesar de que os incumprimentos denunciados polo comité e que motivan a folga figuran claramente nos pregos como unha falta grave que podería chegar a implicar a rescisión do contrato entre a administración local e o Grupo Avanza.

Vigo, 26-11-2021. Rubén Pérez, que acompañou hoxe ao persoal de VITRASA na mobilización convocada na contorna do Concello, trasladou ao comité o total apoio da Marea de Vigo. O voceiro municipal cualificou ao Grupo Avanza como “un grupo empresarial que está amosando unhas prácticas laborais reprobables en varias cidades no conxunto do estado, nas que ten grandes concesións de transporte público urbano e interurbano”. Pérez incidiu na actitude da empresa, “usando aos cadros de persoal como moeda de cambio para conseguir recursos económicos das administracións públicas coas que teñen algún tipo de concesión en materia de transporte, no caso de Vigo, unha indemnización multimillonaria ”.

O comité de empresa de VITRASA denuncia que as xornadas superan as 10 horas, a falla de regulación dos descansos nas propias xornadas de traballo, así como unha total falla de organización á hora de organizar as quendas de traballo. Igualmente, piden unha revisión dos tempos de percorrido por ser en moitas ocasións “imposibles” de cumprir, e rematar coa eventualidade na empresa. “En moitas ocasións non son quen de coñecer co tempo que esixe a lexislación os tempos de descanso ou as vacacións” matiza Rubén Pérez.

Marea de Vigo afirma que estes incumprimentos en materia de emprego “representan unha falta grave das condicións da contratación da concesión pública e polo tanto deberían implicar a apertura dun expediente á empresa concesionaria por parte do Concello” sinalou o voceiro local.

“Seguiremos apoiando todas as mobilizacións que decida convocar o comité de empresa e seguiremos denunciando no Pleno esta actitude sistemática do Goberno de Abel Caballero de deixar facer ás concesionarias municipais aínda que isto implique non cumprir cos dereitos dos traballadores e traballadoras” concluíu Pérez.