marea de vigo apoia a folga anunciada polo comité de fcc, empresa concesionaria do servizo de recollida de lixo de vigo.

28 de Xuño de 2018

Marea de Vigo apoia ao comité e ao cadro de persoal da concesionaria de recollida de lixo de vigo, fcc, na súa denuncia ante as pretensións da empresa á hora de negociar o convenio e corresponsabiliza ao goberno local pola falla de resposta.

Rubén Pérez: “Se o 13 de xullo hai unha folga indefinida do persoal de FCC do servizo recollida de lixo contará con todo o noso apoio, estanse a defender dereitos laborais que gañaron a pulso a través dunha loita histórica.”

Vigo, 28-06-2018. Para o grupo municipal da Marea de Vigo, tal e como expresou na rolda de prensa que tivo lugar no día de hoxe, “a convocatoria de folga anunciada nos pasados días por parte da representación das traballadoras e dos traballadores da concesionaria FCC é absolutamente lexítima, proporcionada e perfectamente argumentada, e a veciñanza debe saber que as molestias que poida ocasionar esta folga teñen exclusivamente unha responsabilidade: a propia empresa concesionaria, e subsidiariamente o goberno local do Concello de Vigo se non é capaz de mediar neste conflito.”

Marea de Vigo comparte na súa totalidade a denuncia do comité de empresa que motiva a convocatoria de folga, “é intolerable que a empresa ofreza unha suba soamente dun 1%, moi por debaixo incluso do recentemente asinado por sindicatos maioritarios no ámbito do estado e a patronal, patronal por certo na que FCC participa cun gran peso” explicaba Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal, engadindo que “non é menos preocupante o intento de recorte e discriminación en dereitos sociais que pretende facer a empresa, dereitos moitos deles consolidados a base de negociación e loita sindical nos pasados anos. Establecer ademais a diferenza entre o cadro de persoal de semana e de fin de semana que pretende levar a cabo a empresa, incluso recortando nas axudas familiares establecidas en anteriores convenios, resulta cando menos vexatorio”.

Para o grupo municipal da Marea de Vigo é indispensable a mediación por parte do Concello de Vigo, e afirma que este “non pode seguir illándose do control das concesionarias e sobre todo do gran problema que teñen os cadros de persoal desas concesionarias neste concello, onde sistematicamente se incumpren convenios e acordos en materia laboral marcados incluso nos pregos de condicións. Todo isto, para Marea de Vigo, debería supoñer ineludiblemente nunha auditoría permanente das concesións, feito que en absoluto está acontecendo na actualidade.

Con respecto ao Pleno de onte, Marea de Vigo valora positivamente que a súa moción para pedir o pago íntegro do IBI fora aprobada por unanimidade e espera, que, a diferenza do percorrido que teñen a maioría das mocións, esta si que chegue a materializarse na realidade.

Rubén Pérez afirmaba tamén que, con respecto ao debate entorno á utilización do superávit, “é rotundamente falso que non haxa capacidade de empregar o superávit noutras cuestións que non sexan humanizacións, sobre todo existindo prioridades como é o caso de Vigo, podendo investir en asistencia social primaria, educación especial ou mesmo na mellora dos recursos hidráulicos. Non investir nestas cuestións en Vigo resulta dobremente grave sendo ademais o propio Abel Caballero o que anunciaba esta posibilidade de utilización do superávit despois do acordo que, como presidente da FEMP, negociou co xa ex-ministro Montoro.”