marea de vigo apoia a folga de atención primaria o vindeiro día 19.

6 de Xuño de 2019

Marea de Vigo apoia a folga de atención primaria o vindeiro día 19 e alerta de que a situación, especialmente na Área de Vigo, é insostible.

Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo, afirma que a Xunta nin move ficha nin artella solucións para a necesaria redución da sobrecarga asistencial que sofre o persoal médico para manter a calidade do servizo así coma outras medidas que son urxentes para evitar o colapso da atención primaria.

Vigo, 06-06-2019. “Nin as dimisións dos Xefes de Servizo e Unidade de Atención Primaria, nin as medidas de presión para que as reivindicacións foran atendidas, nin as concentracións do persoal e da cidadanía nos Centros de Saúde ou mesmo as manifestacións da cidadanía semellan provocar a mínima resposta proactiva do Conselleiro de Sanidade nin do Goberno da Xunta – expón Rubén Pérez – polo que consideramos como especialmente xustificada esta xornada de folga convocada en toda Galicia para o vindeiro 19 de xuño” matiza Rubén Pérez.

Para Marea de Vigo, a actitude do Goberno da Xunta evidencia unha situación que se fundamenta en motivos ideolóxicos que buscan facer negocio privado no sector sanitario. Todo empeorou cando no 2008, a consecuencia da crise financeira, o capital apunta como saída importantes recortes. Pero no caso da Atención Primaria de Saúde aínda foi mais grave pois os recortes foron dramáticos cunha taxa de reposición do persoal moi baixa (nun cadro de persoal xa minguado, no límite), unha falta de investimento en reposición de material, unha bunkerización da atención especializada e a falta de fidelización do persoal substituto (contratacións precarias, sendo xenerosos no adxectivo).

E no caso da EOXI de Vigo, a situación é moito peor pois a posta en marcha do Hospital Álvaro Cunqueiro detraeu moitos recursos. Non é pois estraño que fora en Vigo onde prendeu o lume. Os Xefes de Servizo de Atención Primaria e os Xefes de Unidade comezaron hai un ano a manifestar nas reunións coa Dirección a gravidade da situación, que os Centros de Saúde eran un ‘polvorín’, que non se podía garantir a calidade, que as vacacións do persoal se transformaban nunha situación insoportable para o persoal que quedaba nos Centros, etc. Ante isto, a Dirección non mostrou ningunha solución nin propósito de buscala. Uns meses antes a Atención Primaria implicouse xunto con Atención Especializada nun Plan estratéxico para a EOXI con medidas interesantes pero que quedou nun caixón.

Marea de Vigo comparte as reivindicacións formuladas: redución da sobrecarga asistencial para manter a calidade do servizo, recuperación dunha Xerencia específica para Atención Primaria con xerarquización de tódolos estamentos que traballan na mesma, mellora no acceso á Atención Especializada con redución das listas de espera e solución específica para as consultas preferentes, mantemento adecuado das instalacións dos Centros de Saúde e investimento en material e solución ao conflito específico dos PACs (Puntos de Atención Continuada), e afirma que “é unha obviedade o silencio premeditado da Xunta orientado a súa folla de ruta de desmantelamento progresivo da sanidade pública galega”.