marea de vigo apoia as mobilizacións do comité de empresa do concello e cualifica a situación laboral como insostible

20 de Xaneiro de 2023

audio da nova:

Marea de Vigo considera que as denuncias e mobilizacións que as organizacións sindicais do Concello e o seu comité de empresa anunciaron onte son o resultado dunha práctica laboral e antisindical propia da patronal máis obsoleta.

20/01/2023

Marea de Vigo considera “xa unha evidencia constatada” o grave problema de xestión laboral do Concello de Vigo, incapaz xa non só de sacar adiante as OPE para as 300 prazas vacantes actuais, senón tamén de xestionar e executar correctamente os máis de 70 millóns de orzamento de persoal que se configuraron para 2022 e os máis de 80 para o 2023.

O voceiro do GM da Marea de Vigo considera que os responsables políticos e de xefaturas do departamento de persoal están amosando unha vontade manifesta de ningunear e boicotear o traballo sindical e de lexítima representación dos traballadores e traballadoras. Ademais, queda patente o desleixo á hora de abordar contratacións e reposicións de persoal, chegando a provocar o peche de unidades de asistencia social e problemas no mantemento dos centros educativos da cidade.

Marea de Vigo denuncia que estas Xefaturas de Servizo, que sistematicamente se consignan por libre designación teñen que ser de forma urxente asignadas por mérito, concorrencia e capacidade para desbloquear unha situación insostible, sobre todo cando xa hai sentenzas xudiciais que obrigan ao concello a evitar esta situación de provisión de xefaturas ao antollo dos gobernos locais.

Rubén Pérez denuncia que a situación que se está a producir no Departamento de Persoal do Concello de Vigo, amosa “unha absoluta incapacidade para solucionar as eivas de persoal así coma calquera xestión relacionada con plans de emprego, listas de substitucións, tramitación de baixas ou IT”. Ademais, sinala que esta situación, que se prolonga no tempo sen visos de solución, resulta “unha permanente dor de cabeza non só para os servizos afectados, senón tamén para cada unha das concellerías que vén paralizado ou dificultado o seu traballo pola falla de previsión deste Departamento, ou directamente pola súa inacción como ben denunciou onte o Comité de Empresa do Concello”.

Dende a Marea de Vigo denuncian que non se explica como unha xestión que se resolve a diario en centos de concellos deste país, como é a contratación a tempo e en cantidade axeitada do persoal que abre e pecha os centros educativos, substituír a unha traballadora social porque colle unha baixa, desenvolver un plan de emprego adaptado á nova reforma laboral, etc. en Vigo está a resultar un “problema constante e unha morea de trabas, escudándose en inexistentes problemas legais” polo que as mobilizacións plantexadas polas organizacións sindicais “están máis que xustificadas”.