marea de vigo celebra que a nova ordenanza reguladora de taxas das escolas infantís faga que estas sexan gratuítas.

9 de Xuño de 2022

Marea de Vigo celebra que a nova Ordenanza reguladora de taxas das escolas infantís faga que estas sexan gratuítas.

Marea de Vigo insiste na aclaración sobre o futuro da escola infantil de Santa Marta. “Debe clarificarse se a licenza de obra no Barrio do Cura vai vinculada a que haxa unha escola infantil operativa, tal e como reflicte o convenio urbanístico” afirma Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal.

Vigo, 09-06-2022. Marea de Vigo concorda coa proposta do Goberno local para nova ordenanza reguladora de prezos e taxas para as escolas infantis, cuxo prazo para alegacións dos grupos municipais rematou hoxe, “porque, entre outras cuestións, significa que por fin, e tras telo demandado nos pasados anos durante a pandemia, as escolas infantís municipais serán gratuítas – afirma Rubén Pérez. Esta medida, implementada pola Xunta de Galicia, será aplicada de xeito análogo nas escolas de titularidade municipal. Igualmente, para Marea de Vigo, “é unha boa nova que tamén os comedores escolares destas escolas sexa gratuíto” engade o voceiro.

Do mesmo xeito, finalmente foi hoxe á Xunta de Goberno local a adxudicación da contratación das obras no I.M.E. Miguel Servet para dar servizo de escola infantil municipal tralo peche da escola de Santa Marta a causa das obras no Barrio do Cura, “sobre o que pedimos, unha vez máis, que se clarifique se a licenza de obra vai vinculada a que haxa unha escola infantil operativa, tal e como reflicte o convenio urbanístico” destaca o portavoz municipal.

Con respecto ao número de prazas de educación infantil de 0 a 3 anos, “se ben é certo que non se trata dunha competencia municipal, tamén o é que moitos concellos asumírona ante a falla de prazas na oferta da Xunta” apela Pérez, que considera que “Vigo ten recursos económicos suficientes para cubrir esta carencia, toda vez que agora, sendo gratuítas, a demanda previsiblemente vai crecer”.

Alén disto, Marea de Vigo seguirá reclamando que se faga un estudo para abrir tres novas escolas infantís na cidade ante a priorización das escolas privadas que está levando a cabo a Xunta.