marea de vigo colabora coa rede de solidariedade popular (rsp) na súa campaña “non ao maltrato animal”

12 de Xuño de 2017

Marea de Vigo colabora coa Rede de Solidariedade Popular (RSP) na súa campaña “Non ao maltrato animal”
Dende o pasado xoves, a RSP recolleu, en diferentes puntos da cidade, alimentos, menciñas para animais como pipetas e colares, así como outros obxectos para o seu coidado como poden ser camas, xoguetes, etc…

Nesta ocasión a RSP colaborou coas protectoras “Villa Peixiños”, en Coruxo, e “Os Biosbardos” en Ponteareas, asociacións que están realizando unha importante labor ao marxe das institucións, dadas as nulas políticas animais que levan a cabo. No Concello de Vigo, non existen políticas de adopción nin mesmo de transparencia con respecto á protección animal, mantendo, ano tras ano, un convenio cunha asociación (empresa privada) sobre a que non se establece ningún tipo de control, mantendo un absoluto escurantismo incluso para as persoas que desexan visitar o lugar, tal e como xa comprobou e denunciou publicamente a Marea de Vigo.

Elisa Pérez, coordinadora da RSP, manifesta que “a solidariedade non só ten que ser para as persoas, senón para todo ser vivente”, mentres destaca o traballo das protectoras, que “fan o seu traballo diariamente, traballo que debe ser ser valorado e polo que hai que agradecer”, fronte as pretensións das institucións por instaurar políticas de xestión privada tamén para a protección animal, convertendo isto nun completo negocio. Elisa Pérez critica tamén que se poidan lexislar sancións a aquelas persoas que dan comida aos animais na rúa e mesmo as acollidas dos mesmos.

Marea de Vigo colaborou cedendo as súas instalacións e con recursos humanos, por medio do seu equipo de medio ambiente. As recollidas fixéronse o xoves e o venres da semana pasada, e distribuídas no día de hoxe e mañá. En total, na recollida, destacaron as doazóns para nais con crías e para as propias crías. En total, obtívose case unha tonelada de comida (á marxe de máis material) nos dous días nos que se estivo nos barrios de Navia e Torrecedeira.