marea de vigo concorda co goberno local na toma de medidas preventivas ante a propagación do coronavirus e pídelle amplialas ás concesionarias municipais.

12 de Marzo de 2020

Marea de Vigo concorda co Goberno local na toma de medidas preventivas ante a propagación do coronavirus e pídelle amplialas ás concesionarias municipais.

Oriana Méndez: “Apoiamos ao Goberno local nesta situación así como todas as medidas que se van implementar, agora toca explicalas con detalle ao persoal municipal e á cidadanía, sen descartar que estas sexan ampliadas”.

Vigo, 12 de marzo do 2020. Ante o anuncio do Goberno local sobre as decisións adoptadas cara a intensificación da limpeza e desinfección nas dependencias municipais, colexios e transporte público, o Grupo municipal da Marea de Vigo pídelle ao Goberno local que amplie estas medidas ás dependencias e aos cadros de persoal das concesionarias municipais, tendo moitas delas persoal en contacto directo coa cidadanía. “Hai casos especiais como a axuda a domicilio, onde as traballadoras están en contacto directo coas persoas usuarias e requiren doutros protocolos a maiores e o Goberno local debe garantir que a empresa concesionaria, Clece, os leve a cabo. Outros casos, como poden ser os cadros de persoal dos museos, a XER, o mantemento dos parques infantís, tamén precisan destas medidas” matiza Oriana Méndez, concelleira da Marea de Vigo.

O Grupo municipal tamén rexistrou hoxe unha petición de reunión da xunta de voceiros co obxectivo de poder coñecer polo miúdo as medidas que serán implementadas e colaborar no que sexa necesario e adecuado.

Por outra banda, Marea de Vigo lamenta que non se tivera constituído o Consello Municipal da Saúde, solicitado pola súa parte na pasada lexislatura, xa que “sería o espazo óptimo para decidir cales, onde e como implantar todas as medidas preventivas nunha situación como a que estamos a vivir” conclúe Oriana Méndez.