marea de vigo considera imprescindibles as axudas municipais para a compra de libros e material escolar pero tamén que estas deben ser proporcionais á renda.

20 de Setembro de 2022

Marea de Vigo considera imprescindibles as axudas municipais para a compra de libros e material escolar pero tamén que estas deben ser proporcionais á renda.

Rubén Pérez: “Dende a Marea de Vigo vimos demandando ano tras ano o incremento da partida orzamentaria para estas axudas, xa que non era razoable o aumento de gasto noutras partidas relacionadas con humanizacións e actuacións viarias mentres a partida de bolsas de comedor e de material escolar permanecían co mesmo importe, 1.200.000 euros”.

Marea de Vigo afirma que o novo formato anunciado polo alcalde “é socialmente inxusto” ao consignar unha axuda lineal por fillo/a de 205 euros sen importar o nivel de renda e sen garantir que os recursos acaben na mellora das condicións de escolarización dos nenos e nenas da cidade.

Vigo, 20-09-2022. Marea de Vigo non pode senón discrepar de consignar máis de 5 millóns de euros nun pago universal que se vai dilatar “a propósito” aos meses anteriores ao proceso electoral das municipais de 2023 e que significan que unha familia con dous fillos/as e ingresos por enriba dos 80.000 euros anuais ingresaría 410 euros dunha administración pública, “dinamitando de facto o concepto progresista na fiscalidade en canto a gasto público e axudas sociais” lembra Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal.

“Semella que o populismo propio de Ayuso chega a cidade da man de Abel Caballero – sinala Rubén Pérez -, instaurando unha medida que calquera grupo municipal do PSOE dende a oposición en calquera municipio do estado criticaría por socialmente inxusto, discriminador das familias con menos recursos e en risco de exclusión social e pouco garante da defensa dun ensino público e de calidade ao equiparar recursos e necesidades dos centros públicos aos privados ou concertados”, algo que no 2019 xa “quedara patente” cando se decidíu aumentar os elementos subvencionables das axudas municipais incluíndo a subvención do uniforme que emprega o ensino privado.

Marea de Vigo formulou no debate do orzamento para 2019, 2020, 2021 e 2022 que os importes como os das bolsas de comedor e de material escolar, mais tamén as axudas ás familias, “continuaban a moverse nos mesmos importes que en 2016, 2017 e 2018 e que o propio contexto económico obrigaba a reforzalas considerablemente” lembra o voceiro.
No ano 2018, tamén un ano antes das eleccións municipais, apenas foron consignadas 1240 axudas para crianzas entre 3 e 5 anos e 3128 axudas de comedor entre setembro e xuño, o que supuxo segundo o voceiro, “unha pequena parte da poboación escolar de Vigo de esa franxa de idade”. Non obstante, o que chamou entón a atención foron algunhas das modificacións que se fixeron no prego, “non orientadas á educación pública senón á concertada, aumentando os criterios para as subvencións nese eido: eliminaron a obrigatoriedade de uso do comedor escolar todo o mes, e, o máis sorprendente, incluiron os uniformes como elemento subvencionable” engade.

Agora anúnciase un pago universal de 205 euros por escolar que non barema renta, patrimonio e que non ten que xustificar gasto, o que é, segundo a Marea de Vigo, “un tiro directo na política de gasto social organizado dende hai anos nos servizos sociais do Concello” sumado ao feito de dilatalo no tempo para facelo coincidir coa precampaña ou campaña das municipais, o que supón “un auténtico golpe do ‘ayusismo máis casposo’, nunha cidade onde a quebra social e a exclusión social campa diariamente en centros educativos, algo permanentemente anunciado polo personal docente educativo” lamenta o voceiro local.

Marea de Vigo considera prioritario aumentar os importes das bolsas, dotando ao programa consecuentemente dun maior orzamento así como ampliar supostos subvencionables como os importes de actividades extraescolares, reforzos educativos ou excursións que se realicen no mesmo centro.

Igualmente, Marea de Vigo afirma que o Goberno local debe ter en conta que estes gastos seguen sendo impropios dos concellos, aínda que estes os foran asumindo para mellorar as condicións da escolarización dos nenos e nenas, feito co que concorda.