marea de vigo considera incompatible a defensa dun espazo metropolitano coas políticas localistas de abel caballero.

14 de Febreiro de 2018

O grupo municipal da Marea de Vigo vén de manter unha xuntanza co alcalde de Cangas do Morrazo, Xosé Manuel Pazos, na que, entre outros temas, abordaron a necesidade de sentar bases políticas de cooperación entre os concellos que axuden á reconstrución da Área Metropolitana.

Co gallo da polémica pola gratuidade do futuro aparcadoiro do Hospital Álvaro Cunqueiro, o grupo municipal da Marea de Vigo quere lembrar que xa van tres exercicios orzamentarios adicando 500.000 euros en cada un para a construción do aparcadoiro do HOAC. O proxecto iniciouse no ano 2015, cando o grupo socialista rexeitaba unha moción que a Marea de Vigo presentaba instando á construción do aparcadoiro para, 15 días despois anunciar a devandita obra. Case 3 anos despois, case un millón de todo o orzamentado está xa no “saco” do superávit.

Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal, insiste en que “non debemos esquecer que cando o PSOE vigués pactou co PP os orzamentos municipais a cambio de facilitar a apertura do Hospital Álvaro Cunqueiro coas acometidas de luz e de auga, xa sabía que ese aparcadoiro que tanto critica ía ser de pago, tendo a posibilidade de ter pactado tamén esa cuestión, cousa que non fixo, por moito que se leve utilizando a cuestión do aparcadoiro do HOAC como arma política para case calquera cuestión.”

Desde a Marea de Vigo tamén se cuestiona como se vai levar a cabo o filtro para as persoas empadroadas e as non empadroadas en Vigo, xa que, no proxecto da obra non existe ningún tipo de estrutura que sirva para tal fin, polo que insiste en pedir seriedade e rigorosidade ao goberno municipal á hora de clarificar o que vai acontecer na realidade.

Pola súa banda, Xosé Lois Jácome, concelleiro da Marea de Vigo, afirma que “a defensa da filosofía de área metropolitana constitúe unha gran contradición con actitudes como a de Abel Caballero con respecto ao futuro aparcadoiro do Hospital Álvaro Cunqueiro gratuíto para as/os viguesas/es, o que está defendendo Abel Caballero é unha “cosmopaletada”, ou o que é o mesmo, un profundo localismo populista”.

“Sobre a cuestión que rodea a gratuidade e a famosa tarxeta que o permitiría, a “pass-Vigo”, é imprescindible plantexarnos a motivación da empresa Vitrasa para facer a inversión que está facendo nas mesmas se apenas lle quedan dous anos de concesión, o que fai sospeitar que tal inserción económica pode chegar a supoñer unha escusa dunha empresa privada para renovar unha concesión pública” matiza Rubén Pérez.

Para Marea de Vigo, tal e como expresou Xosé Manuel Pazos, “ten que existir algún órgano entre os concellos do territorio que abarca a área se se quere avanzar cara a reactivación da Área Metropolitana, do mesmo xeito que se deben abandonar as actitudes localistas e partidarias que precisamente causaron a dilapidación da Área Metropolitana”.