marea de vigo considera necesario priorizar a participación cidadá e o deseño de cidade integradora na redacción do novo pxom.

10 de Maio de 2018

Marea de Vigo considera necesario priorizar a participación cidadá e o deseño de cidade integradora na redacción do novo PXOM.

O grupo municipal elabora aportacións á memoria presentada no día de hoxe na Xerencia de Urbanismo.

Vigo, 10-05-2018. Tras dous anos de aparente inactividade con respecto á redacción do novo PXOM, no Consello da Xerencia de Urbanismo que tivo lugar no día de hoxe o Goberno Local presentou a súa proposta para a Memoria xustificativa da contratación do servizo de actualización da Cartografía Municipal do Concello de Vigo e redacción da revisión do PXOM, memoria á que o grupo municipal da Marea de Vigo presenta unha serie de aportacións baseadas principalmente en evitar os erros que propiciaron a anulación do PXOM do 2008 e na adaptación á nova realidade social da cidade.

“Está fóra da realidade plantexar os mesmos criterios aplicados para o anterior Plan na actualidade. O PXOM do 2008 tivo 60000 alegacións máis unha ducia de denuncias xudiciais que remataron na anulación do propio Plan, polo que non ten sentido o énfase que o Goberno Local está poñendo en manter o PXOM do 2008 como unha referencialidade” sinala Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal da Marea de Vigo.

Marea de Vigo propón poñer en valor o que foi determinante no PXOM do 2008: a participación cidadá e a resolución de consultas. “Unha boa xestión das mesmas no proceso de redacción evitaría un alto número de alegacións e a futurible proliferación de denuncias xudiciais – recalca Rubén Pérez – propoñemos subir a puntuación na valoración da participación cidadá nos criterios avaliables mediante xuízo de valor.”

Por outra banda, Marea de Vigo propón nas súas aportacións, e dentro dos propios requisitos do obxecto do contrato en canto á solvencia técnica e profesional, a inclusión dunha persoa Traballadora Social e dunha Técnica de Igualdade dentro do equipo multidisciplinar, por considerar necesaria a análise da dimensión sociolóxica, sociocomunitaria e de xénero, así como en políticas de vivenda, planificación urbanística, pobreza e exclusión social. Estes factores xa existen na redacción de moitos planeamentos urbanísticos avanzados e, para a Marea de Vigo, suporía unha mellora substancial para a cidade.