marea de vigo considera necesario reflexionar e pactar a reactivación da área metropolitana

28 de Setembro de 2017

O Grupo Municipal non comparte a liquidación ou a conxelación actual da Mancomunidade da Área Intermunicipal xa que, segundo Rubén Pérez, “ten e pode xogar un papel de espazo de consensos e equilibrios territoriais no futuro modelo de xestión de servizos metropolitanos.”

O voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo Rubén Pérez, valorou como “triste” a situación actual da Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo que onte celebrou un pleno “de trámite” para aprobar contas por “requirimentos legais como entidade local que é”. Baleira de contido, sen convocar plenos cada seis meses como marcan os seus estatutos, para a Marea de Vigo é necesaria a súa reactivación, posto que “pode ter un sentido real de espazo de construción de consensos para reactivar acordos en torno á futura área metropolitana”, así como considera que pode ser “a terceira pata administrativa na Área no caso de seguir un modelo de Área Metropolitana como o exitoso modelo implantado en Barcelona.

A este respecto e no tocante ao transporte como un dos eixos fundamentais na concepción do espazo metropolitano, Marea de Vigo considera que debería adoptarse un modelo de operador público de transporte integrado. O sistema consorciado público vixente na área metropolitana de Barcelona podería ser tamén un bo exemplo.

Marea de Vigo xa verbalizou en numerosas ocasións a súa aposta por un modelo destas características, onde existiría un Consorcio público participado ao 51% pola Xunta de Galicia, o 25% polo Concello de Vigo e un 24% polo resto dos concellos da Área Metropolitana. Isto resolvería os problemas de financiamento do servizo xa que a maior parte deste sería autonómico, dacordo con esa participación maioritaria no propio consorcio.

Marea de Vigo considera que deben facerse todos os cambios necesarios na lei da Área Metropolitana cara a súa reactivación, convocándose o axiña posible a súa constitución, mais tamén considera que para isto é preciso unha forte vontade política das diferentes administracións, para evitar os erros cometidos xa vai facer un ano, cando nacía, non sendo o primeiro intento, a Área Metropolitana de Vigo.