marea de vigo considera que, ante os orzamentos regresivos da xunta e o goberno central, os do concello de vigo non contrarrestan este tipo de políticas cando os niveis de pobreza actuais requiren de outro modelo orzamentario.

22 de Outubro de 2015

MAREA DE VIGO CONSIDERA QUE, ANTE OS ORZAMENTOS REGRESIVOS DA XUNTA E O GOBERNO CENTRAL, OS DO CONCELLO DE VIGO NON CONTRARRESTAN ESTE TIPO DE POLÍTICAS CANDO OS NIVEIS DE POBREZA ACTUAIS REQUIREN DE OUTRO MODELO ORZAMENTARIO.

Aumento de partidas para humanizacións e a concesionarias como Vitrasa ou FCC, así como a amortización rápida da débeda parecen como prioridades fronte o aumento para axudas sociais e inversión que cree traballo produtivo para as e os vigueses.

Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal da Marea de Vigo, cualifica de non comprensibles os aumentos de partidas para as concesionarias como os 12 millóns de euros para Vitrasa, convertendo a conxelación do billete do autobús nunha falacia; así como a gran inversión en proxectos de humanizacións como se fixo no seu día, e que hoxe están sendo cuestionados polos tribunais, aportando para o engorde das contas das empresas construtoras que as levan a cabo en lugar de apostar polo investimento en políticas para o fortalecemento da economía produtiva ante o aumento dos niveis de pobreza que existen na nosa cidade hoxe en día.

O Grupo Municipal da Marea de Vigo, en vista ós orzamentos, insiste na defensa da remunicipalización dos servizos públicos, considerando que, tal e como vemos nalgunhas partidas, adícase gran parte de cartos públicos en garantir que as empresas concesionarias non teñan perdas, por enriba da garantía de servizos de calidade para a cidadanía e condicións de traballo dos cadros de persoal das mesmas.

A Marea de Vigo tamén espera ver os resultados das inversións en emprego a través de convenios baseados en subvencións a terceiros (como o convenio con PSA Peugeot Citroen), que o concello decide levar a cabo en lugar de investir máis partida nun plan de emprego xestionado directamente polo mesmo.

A Marea de Vigo, facendo o contrario que fixo o goberno municipal para a presentación dos orzamentos (de forma unilateral e sen consultar con absolutamente ningún axente social nin veciñal), preparará as súas emendas ós mesmos de forma aberta e participativa, co obxectivo de seren coherentes coa realidade da veciñanza ademais do chamamento implícito á corresponsabilidade que debe ter a cidadanía cando estamos a falar dos recursos de todas e todos.