marea de vigo considera que é mala nova para a cidade que de novo un plan xeral naza con dúbidas de transparencia e de erros administrativos.

19 de Xaneiro de 2022

Marea de Vigo considera que é mala nova para a cidade que de novo un Plan Xeral naza con dúbidas de transparencia e de erros administrativos.

Rubén Pérez: “Estas présas e esta teima de pensar que as cousas en Vigo son aprobadas de xeito consensuado soamente porque hai un Goberno local en maioría absoluta que é capaz de unir á cidade é unha visión falsaria que pode levarnos a cometer os mesmos erros que levaron á anulación o PXOM do 2008”.

19-01-2022. Na primeira valoración sobre o proceso de exposición pública e alegacións do novo PXOM para Vigo, Marea de Vigo quere resaltar que, segundo traslada Rubén Pérez, “a cuestión non é o medir esta valoración polo número de alegacións presentadas, xa que no anterior Plan do 2008 existiron proxectos de infraestruturas como a Ronda, que provocou centos de alegacións e agora estamos noutro contexto económico e ante un novo Plan Xeral que reserva máis solo rústico, mais tamén – prosigue o voceiro municipal -, estamos ante un Plan Xeral que pretendeu transitarse durante os meses de confinamento e desescalada, pretendendo aprobarse case coma un paseo militar”.

Este feito, cualificado pola Marea de Vigo como “présas e cálculo interesado con facer coincidir a aprobación do Plan co proceso electoral do vindeiro ano 2023” e “pretendendo que o movemento veciñal non fora partícipe nin colaborativo co proceso de exposición pública e alegacións”, é, segundo Rubén Pérez, “un mal consello e pode ser un precedente cara a unha nova paralización xudicial do novo PXOM”.

Marea de Vigo incide en que nesta ocasión o número de alegacións ten “unha importancia cualitativa moi sensible” xa que en moitos casos estas teñen que ver con “reclasificacións negativas” dos terreos (fincas clasificadas como solo urbano consolidado pasando a solo rústico). “Non entendemos ese cambio cando a consideración de solo urbano consolidado ten que ver co nivel de servizos, e nas parroquias non se teñen perdido servizos, seguen tendo saneamento, electricidade e auga” matiza Pérez.

Outra parte substancial das alegacións que ver con infraestruturas que foron colocadas no proxecto de Plan Xeral “sen nengún tipo de consenso previo e sen ningún tipo de información previa á tentativa de incorporalas ao planeamento urbano” afirma o voceiro. “Consideramos un feito moi grave que infraestruturas como o vial que atravesa dende Bembrive ata Castrelos non fora previamente trasladado á veciñanza, e que mesmo veciños e veciñas que no propio ano 2021 pediron licenzas nesa zona e lles foron concedidas, non foran informados/as da existencia da previsión dese vial cando o equipo redactor do novo PXOM presentouno na proposta inicial en novembro do ano 2019” conclúe.