marea de vigo considera que é un erro grave e unha iniciativa incomprensible tentar encaixar o novo pxom saltándose o requisito polo que foi anulado o do 2008.

1 de Xullo de 2016

MAREA DE VIGO CONSIDERA QUE É UN ERRO GRAVE E UNHA INICIATIVA INCOMPRENSIBLE TENTAR ENCAIXAR O NOVO PXOM SALTÁNDOSE O REQUISITO POLO QUE FOI ANULADO O DO 2008.

Rubén Pérez: “Que o Goberno Local pretenda que o novo PXOM non sexa sometido a Avaliación Ambiental Estratéxica, motivo polo cal o anterior foi anulado, volve a xerar dúbidas sobre a legalidade urbanística futura en Vigo”

Na Xerencia de Urbanismo de hoxe informouse da solicitude á Xunta para evitar a AAE despois do informe de Luciano Parejo, cualificado xa pola Marea de Vigo como interesado e feito a medida das necesidades ou “desexos” urbanísticos do Goberno Local despois de vivir unha anulación do PXOM.

O voceiro municipal do Grupo Municipal Marea de Vigo, Rubén Pérez, considera que o Goberno Local “á desesperada” pretende que as altas previsións de vivenda, os cambios nas cualificacións do solo, ámbitos como Liñeiriños e Barrio do Cura incorpórense ao PXOM en redacción como un “curta e pega” do anulado polos tribunais de xustiza e lembra que foi precisamente por saltarse este trámite o que motivou tal anulación.

Marea de Vigo pide de novo concreción nos prazos de redacción do novo PXOM, que sexa adaptado aos criterios da nova lei do solo en canto a reservas de solo, previsións de vivenda e argumentación lóxica do reparto de cargas urbanísticas en “vez de buscar atallos” para saltarse de novo os trámites ambientais e non abordar as modificacións substanciais que teñen que artellarse no planeamento. Marea de Vigo sí que considera que é preciso “repensar o modelo de cidade” porque é precisamente o modelo de cidade o que anulou de facto o PXOM ao permitir aos sucesivos gobernos municipais “saltarse” o sometemento do plan a Avaliación Ambiental Estratéxica.

Non pode sosterse nun novo PXOM o mesmo nivel de edificación, ou a proposta de crecemento da cidade co número de vivendas que se precisaban segundo o antigo PXOM; algo que quedou demostrado no período de vixencia do PXOM como “delirante e desproporcionado”, o igual que a cantidade de superficie rústica que cambia de clasificación e convertía a cidade nunha “barra libre edificatoria”. 123.000 novas vivendas que inclúen as previsións do PXOM do 2008, 32 millóns de metros cadrados do rural vigués a urbanizar, a desaparición do 60% dos solos agrícolas de Vigo, “son auténticos disparates a luz dos datos económicos e demográficos da actualidade”.

O voceiro do grupo municipal da Marea de Vigo, Rubén Pérez, engadiu que “atallos no planeamento urbanístico, xa sabemos nesta cidade a que conducen”. Non se poden volver a cometer os mesmos erros que levaron a centos de veciños e veciñas a presentar máis de 61.000 alegacións e que rematou cunha anulación do Plan por parte do Tribunal Supremo , tal e como xa dixo a Marea de Vigo noutras ocasións.