marea de vigo considera que “non está a situación do comercio local para ver a un alcalde axitando bandeiras de grandes cadeas comerciais”.

1 de Outubro de 2021

Marea de Vigo considera que “non está a situación do comercio local para ver a un alcalde axitando bandeiras de grandes cadeas comerciais”.

“Coa apertura de Vialia, as campañas do Concello non poden limitarse a facer concertos na rúa e pagar publicidade en prensa, campañas que se demostraron fracasadas ante o número de peches no comercio local e de proximidade xunto aos datos de facturación do sector nos pasados meses” afirma Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal da Marea de Vigo.

Marea de Vigo denuncia que nada se fixo por axudar de xeito efectivo ao comercio local, hostaleria e pequenos autónomos, cando asegurouse e anunciouse que un dos piares da acción pública institucional para paliar as posibles afeccións económicas desta pandemia serían os programas de apoio precisamente ao comercio local, hostalería e pequenos autónomos.

 

Vigo, 01-10-2021. Marea de Vigo cualifica como “humillante” para centos de familias que teñen os seus negocios, algúns traspasados de xeración en xeración e que están pendentes de un fío “ter que ver a un alcalde axitando a bandeira dunha cadea multinacional que seguro vai dar a finiquito a ducias de negocios familiares na nosa cidade” suliña Rubén Pérez. “Un alcalde – prosigue – ten que ter certa mesura, toda vez que é manifesta a inoperancia absoluta en implementar medidas de apoio ao comercio local, limitándose a financiar actuacións en vía pública con nulo impacto no comercio”.

O Grupo municipal xa trasladara esta denuncia mediante unha moción ao Pleno, xa que, como expresa Rubén Pérez, “ningunha medida foi tomada a pesar de ducias de reunións entre representantes do sector, varios escritos e mocións da oposición, amplos consensos políticos nesta corporación, horas e páxinas nos medios locais anunciando grandes actuacións, etc.” accións que, segundo afirma o voceiro municipal, “durante varios meses fixeron albergar a un sector económico esencial da cidade a existencia dun apoio audaz por parte do Goberno local”. “A evidencia é, que a día de hoxe – prosigue -, non existe ningunha medida concreta máis aló do aprazamento de pago de impostos municipais (que supoñen menos do 10% do gasto contable dun comercio medio na nosa cidade) e de afirmar que se seguirá coa rebaixa da taxas das terrazas que dende hai anos xa se ven aplicando na cidade”.
Marea de Vigo segue considerando que Vigo non implementou nin explorou aínda medidas con bo resultado que se tomaron en moitos municipios do Estado e de Galicia, medidas que foron dende habilitar liñas de axuda directas para o mantemento da actividade comercial, a adquisición de equipamento de protección e seguridade de traballadores e traballadoras e clientes “e mesmo a colaborar nos custes dos negocios (alugueiros, consumos, seguros, etc…) así como a exención da taxa de lixo aos comercios, bonos desconto para mercar no comercio local e de proximidade, ou a anunciada plataforma de venta online a iniciativa do propio Concello” engade Rubén Pérez.

Marea de Vigo considera que todas estas medidas, antes importantes, agora son determinantes para evitar que o concepto de grandes áreas comerciais con grandes cadeas acabe destruíndo máis emprego do que anuncia crear, tónica xeral neste modelo por toda Europa. “Modelo que algúns axitan ao vento como ‘moderno’ e nas grandes zonas urbanas europeas está sendo xa emendado para dar vida aos barrios das cidades” conclúe o voceiro.