marea de vigo considera que o alcalde deberia estar dando respostas sobre o futuro económico da cidade en lugar de inaugurar cada día un elemento decorativo do nadal.
Por Marea de Vigo

Marea de Vigo considera que o alcalde deberia estar dando respostas sobre o futuro económico da cidade en lugar de inaugurar cada día un elemento decorativo do Nadal.
Rubén Pérez: “É bastante ridículo ver a un alcalde empregar as súas comparecencias públicas inaugurando cada día un pequeno espazo de decoración do Nadal cando o que deberia é empregar esas comparecencias para respostar ás sucesivas cuestións que tanto a oposición como a cidadanía queren que resolva trala crise da COVID19”.
Vigo, 25-10-2021. Marea de Vigo considera que o alcalde deberia estar usando as súas comparecencias en dar resposta a cuestións como en que se van a empregar os fondos europeos, en como se van reforzar os servizos sociais ante unha media de aumento do 15% nas demandas destes servizos dende que comezou a pandemia, ou en que vai a pasar coa concesionaria de transporte, ou co sistema tarifario da auga. “Cuestións que un alcalde ten que resolver á cidadanía” apunta o voceiro. “Dende logo – prosigue – se nestes tres últimos meses do ano en lugar de obter respostas sobre as medidas que necesita a veciñanza e a cidade trala crise da COVID19 imos a asistir a que cada día o alcalde inaugure un elemento decorativo do Nadal vigués, non é un alcalde que estea á altura da realidade da cidade”. A semana pasada asistíamos ao “esperpento” do alcalde inaugurando a caixa de regalo de Gran Vía, un dos ornamentos que haberá na cidade neste Nadal. “Hoxe asistimos á inauguración dunha das bólas que se van colocar na vía pública” sinala Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal.
O voceiro da Marea de Vigo lembra que “hai moitos retos por diante que deben ser resoltos nos vindeiros anos ante a importante perda da capacidade económica en sectores relevantes desta cidade coma o sector da industria ou os servizos, así como ante o peche sistemático no comercio xa non só no centro da cidade senón tamén na periferia” cuestións que “debe resolver un alcalde”, e, entre elas “non está o inaugurar cada día un trozo deste Nadal delirante no que se converteu esta cidade e que xa non só sucede no mes de decembro xa que cada ano se vai adiantando cada vez máis” matiza.
Rubén Pérez incide en que Marea de Vigo “seguirá solicitando que se lle dea resposta as preguntas que son verdadeiramente importantes, como son se Vigo vai subir aos 100 euros de gasto social por habitante, se imos resolver un PXOM realmente democrático e con garantías de que as alegacións que presente a veciñanza van ter un percorrido normativo, se imos facer unha cidade integradora onde o transporte estea garantido, ou se imos facer unha cidade que non viva colapsos pola inauguración dun centro comercial, por exemplo” conclúe.
Foto: metropolitano.gal