marea de vigo considera que o concello incumpre directamente ordenanzas que el mesmo aproba

7 de Novembro de 2022

audio da nova:

Marea de Vigo lembra que as regulacións sobre botellóns na rúa, a que marca que está prohibido pendurar elementos en árbores ou o plan de ruidos de Vigo e de zonas de saturación acústica, xa existen, e o problema é que o Concello vulnera sistemáticamente entre novembro de febreiro de cada campaña da nadal estas cuestións.

Vigo, 07 de novembro de 2022

Marea de Vigo considera perfectamente compatible o Nadal co respecto á legalidade normativa da que o propio Concello decidiu dotarse. Se o Concello pretende legalizar algunha cuestión que as ordenanzas agora prohiben debe “propor unha modificación normativa que cambie o contexto, como Administración responsable”, afirma Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo.

De novo, coa chegada do Nadal, o Goberno local volve amosar unha falla absoluta de protección do noso patrimonio histórico e natural empregando unha vez máis a alameda da Praza de Compostela, espazo catalogado que inclúe árbores cun alto nivel de protección, para a instalación dun mercadillo, pendurando elementos decorativos das árbores e mesmo cableado con corrente, sen control ningún e sen respecto da ordenanza municipal que prohibe colgar calquera tipo de elemento decorativo ou publicitario nas árbores presentes en vía pública.

Marea de Vigo considera que o Nadal ten que se compatible coa normativa que o propio Concello aprobou ou que vén aprobada noutras instancias, como a Lei de Espectáculos de Galicia ou na normativa de ruídos regulada en diversas lexislacións de ámbito autonómico e estatal, así como polo feito de que existen zonas declaradas “saturadas de ruído” e tamén outras cuestións derivadas do uso de espazos públicos como zonas de botellón. “Se isto se quere mudar, debe presentarse informe técnico, discutirse con veciños e veciñas afectadas e, atendendo aos cauces establecidos, executar as modificacións necesarias; pero non se pode actuar sen control público e con deixación absoluta das funcións normativas da Administración Local”, engade Rubén Pérez.

Marea de Vigo segue a demandar a aprobación dunha ordenanza municipal de protección patrimonial que delimite aqueles espazos nos que se pode realizar eventos, que evite os danos nos elementos catalogados e que sexa coherente entre o que se lle pide á cidadanía que faga e o que fai coa mesma normativa o propio Concello de Vigo.