marea de vigo considera que o goberno municipal debe dar explicacións de porque se quere desmantelar un servizo que está sendo indispensable para tratar por exemplo as emerxencias sanitarias xurdidas nestes últimos dias nas praias e mesmo nun bebedeiro do centro de vigo.

22 de Setembro de 2016

MAREA DE VIGO CONSIDERA QUE O GOBERNO MUNICIPAL DEBE DAR EXPLICACIÓNS DE PORQUE SE QUERE DESMANTELAR UN SERVIZO QUE ESTÁ SENDO INDISPENSABLE PARA TRATAR POR EXEMPLO AS EMERXENCIAS SANITARIAS XURDIDAS NESTES ÚLTIMOS DIAS NAS PRAIAS E MESMO NUN BEBEDEIRO DO CENTRO DE VIGO.

O Laboratorio Municipal ven de analizar as augas das praias de Vigo de xeito urxente emitindo informes á Xunta novamente validados por esta, resultando incongruente coa insistencia do Alcalde cando afirma que o Laboratorio non ten as acreditacións necesarias para elo.

O pasado sábado, persoal técnico do Laboratorio Municipal, dada a alerta emitida pola Xunta, levou a cabo as análises das augas de varias praias de Vigo, entre as cales atópase a praia de Calzoa, que , a diferenza das demais, segue non sendo apta para o baño e por isto permanece precintada. Unha vez mais, é evidente e notoria a necesidade de manter o Laboratorio Municipal aberto e frear todas aquelas accións levadas o cabo por este Goberno Municipal cara o seu desmantelamento, posto que, á vista dos feitos, e dada a importancia que ten que ter a saúde dos e das viguesas para este e calquera Goberno Municipal, resulta un servizo imprescindible.

Por outra banda, nestes últimos días non só houbo alertas nas praias, senón que, tal e como se pode ver, precintouse un bebedeiro no parque do areal, á espera dos análises que faga este mesmo Laboratorio Municipal que parece se pretende desmantelar. A consecuencia disto e da alerta nas praias, persoal do mesmo que tiña que estar noutros servizos segundo os decretos asinados polo Goberno Municipal, tivo que facerse cargo da situación.

Para o Grupo Municipal da Marea de Vigo esta situación está demostrando unha falla de responsabilidade total por parte do Goberno Municipal, e en concreto, por parte da Concelleira responsable da Área de Medio Ambiente e do propio alcalde, cando insiste vehementemente que o Laboratorio non pode levar a cabo o seu traballo por falla de “homologación” (concepto erróneo que demostra o pouco coñecemento deste alcalde polos servizos do seu Concello e, en todo caso, sería a sua responsabilidade o non telo) cando, por parte da autoridade competente da Xunta, as análises son novamente validadas, e, por parte do propio Goberno Municipal a través da Concelleira responsable da Área de Medio Ambiente, ao final, non lle queda mais remedio que acudir ó laboratorio cando as graves circunstancias así o requiren, quedando máis que demostrada a súa importancia.