marea de vigo considera que o túnel da porta do sol é xa a “cidade da cultura versión abel caballero”

10 de Marzo de 2023

audio da nova

O voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo, Rubén Pérez considera que “cando xa se soterran miles e miles de recursos públicos e se improvisa deste xeito o mellor é parar xa e replantexar a proposta de mobilidade e o gasto público comprometido”

10/03/2023

O voceiro do GM da Marea de Vigo Rubén Pérez, considera que o tempo amosou que o túnel non era necesario para peatonalizar a Porta do Sol, que esa obra foi improvisada e que existindo un proxecto construtivo para o Barrio do Cura tíñase que ter considerado a posibilidade de que o túnel fora en todo caso unha carga urbanística a soportar por parte dos propietarios privados do ámbito como se fixo en numerosos convenios nos que as dotacións públicas necesarias foron consignadas aos promotores.

Rubén Pérez: “a idea do túnel sen ter en conta estes feitos, os incrementos de custes posibles por atoparse en zona histórica, tapar e abrir varias veces por necesidades de espazo para eventos como a Reconquista ou o nadal e sobre todo non ter avaliado de xeito rigoroso as alternativas ao túnel en materia de mobilidade fan indubidablemente a esta obra como a versión viguesa da Cidade da Cultura de Santiago, onde en vez de parar e replantexar seguía a soterrarse miles e miles de cartos públicos”.

O Grupo municipal da Marea de Vigo solicitara en xuño de 2022 todos os informes técnicos, as modificacións da obra e os custos derivados destas ante a falla de información que sistematicamente exercía o goberno local. O voceiro do GM da Marea de Vigo dicía naquela altura que “Queremos saber que o que se vai facer finalmente, e se se está propoñendo unha emenda ao proxecto túnel e polo tanto, ao soterramento do tráfico na zona”. O anuncio de onte parece que amosa que a improvisación e as cantidades inxentes de recursos para evitar auto emendarse non teñen fin.

Marea de Vigo seguirá a defender de xeito inequívoco que o túnel da Porta do Sol “sempre foi un gran erro”, xa que non resolve ningunha cuestión ligada á mobilidade sostible, metendo o tráfico baixo terra, e contaba e conta cunhas complexidades técnicas “que implican modificacións e dificultades importantes constantes a resolver durante a execución da obra” sinala Rubén Pérez, voceiro do Grupo. “Dixemos na mesa de contratación que non estábamos de acordo incluso cos perfís das empresas que se estaban contratando, quedando excluídas da licitación ás grandes construtoras que están habituadas a facer infraestruturas desta magnitude” engade.

Marea de Vigo afirma que a prolongación cara ao Barrio do Cura “sería unha modificación que requiriría dunha nova licitación, xa que os custos da devandita modificación estarían fóra das marxes reflectidas na contratación actual”, pero alén disto, Pérez alerta das dificultades que se poden ter para a captación de fondos europeos “xa que as modificacións son tan grandes que cambian por completo a petición inicial para obter eses fondos” matiza.

“Se o que queríamos era ter unha praza peatonalizada e un aparcadoiro, tería sido moito máis sinxelo: o aparcadoiro xa existía, só había que adaptalo á normativa actual; e a humanización da praza resolvíase quitando o tráfico rodado e facendo as actuacións urbanísticas necesarias” explica o voceiro. “É unha auténtica chapuza e unha improvisación que ademais pode implicar problemas á hora de captar os fondos europeos que xustifican máis do 80% da obra” conclúe Rubén Pérez.