marea de vigo considera que os 23 millóns de euros de axudas a barreras teñen que comportar a entrada inmediata do ministerio de industria no accionariado do estaleiro.

4 de Agosto de 2021

Marea de Vigo considera que os 23 millóns de euros de axudas a Barreras teñen que comportar a entrada inmediata do Ministerio de Industria no accionariado do estaleiro.

“Que estes recursos acaben na industria auxiliar para abonar débedas é simplemente papel mollado ao sosterse soamente co expresado no seu día pola dirección do estaleiro” afirma Rubén Pérez. Marea de Vigo pide unha intervención pública inmediata para garantir eses pagos á industria auxiliar.

Vigo, 04-08-2021. Tras a aprobación, por parte do Consello de Ministros, da compensación de vinte e tres millóns de euros polas diferenzas entre tipos de interés de créditos conformados para a construción do IVRIMA, o voceiro de Marea de Vigo no concello, Rubén Pérez, segue cualificando coma un “perigo societario” a actual situación do estaleiro. “Sen interlocución real, cunha opacidade tremenda dos accionistas, sen un proxecto industrial de futuro e cunha escalada preocupante de represión sindical contra os sindicatos CCOO e CIG á que se suma a precupante cooperación do sindicato UGT, que debería levar á dirección comarcal e de industria do sindicato a reflexionar sobre o que se está a facer na factoría” describe Rubén Pérez.

Para Marea de Vigo, “xa é imposible non vencellar calquera eventual quita de débeda ou de axuda pública da Xunta ou da Sepi á entrada da administración pública correspondente no accionariado do estaleiro” apunta Rubén Pérez, xa que resulta “absolutamente imprescindible” tanto para dar certeza a posibles encargos e solvencia a armadores que queiran contratar no estaleiro, como para que o persoal teña unha interlocución clara así como para que ducias de industrias auxiliares da nosa contorna “non se afoguen entre a posibilidade de seguir acumulando horas de traballo nas gradas do estaleiro sen a seguridade de cobro una vez emitidas as facturas – suliña o voceiro-. Algo que ten lanzado a centos de traballadores e traballadoras ao paro na nosa cidade nos últimos meses”.

Ante este escenario, Marea de Vigo alberga serias dúbidas en que o armador estadounidense, que actualmente ten máis do 70% das accións do estaleiro, cumpra co expresado no momento de adquisición do mesmo de asumir os 80 millóns de euros de sobrecusto do Evrima e que poña na mesa outros contratos así como carga de traballo a futuro en Barreras. “O que semella vai acontecer unha vez máis, é que o estaleiro cargará con parte do sobrecusto do barco e que os impagos á industria auxiliar serán outra vez a escusa mais non a realidade, lastrando a centos de persoas ao desemprego” lamenta Pérez. Marea de Vigo recalca a o papel da Xunta e da SEPI “para evitar un novo desastre industrial na nosa comarca” conclúe.