marea de vigo considera que a primeira decisión a tomar na futura concesión da auga en vigo é a remunicipalización

11 de Outubro de 2019

MAREA DE VIGO CONSIDERA QUE A PRIMEIRA DECISIÓN E ESTUDO QUE TEN QUE AFRONTAR O GOBERNO LOCAL SOBRE A CONCESIÓN DO SUBMINISTRO DE AUGA E SANEAMENTO É A POSIBILIDADE DA SÚA REMUNICIPALIZACIÓN PARA VOLVER A TER UNHA EMPRESA PÚBLICA.

Rubén Pérez: “Obviamente o bloque de consumo mínimo de 30 metros cúbicos bimensuais é absolutamente impensable despois de 30 anos de concesión á vista dos novos sistemas tarifarios, pero en todo caso o sistema que se artelle ten que evitar que se imputen gastos que nada teñen que ver coa concesión na factura final aos usuarios coma dinosetos, festas parroquiais, etc.  que pagaba Aqualia e que repercutía despois na factura das familias viguesas”

Vigo 11 -10- 2019. Para a Marea de Vigo, a contratación dunha consultora externa para artellar os traballos do novo prego concesional non é a prioridade, “o que ten que acometer previamente o Goberno local é a decisión e estudo rigoroso das posibilidades de remunicipalizar o servizo como xa o teñen abordado concellos como Valladolid ou Tarrasa, con resultados económicos excelentes para as arcas municipais” matizou Rubén Pérez.

Actualmente e ante un grave problema de seca, a xestión pública directa está sendo un obxectivo de moitos concellos “para evitar – incidiu Rubén Pérez –  entre outras cousas, que o sistema de explotación privado sexa un instrumento clientelar de gobernos locais que obteñen dende obras públicas a recursos electoralistas mediante prórrogas concesionais, coma foi o caso de Vigo, onde a cambio de 5 anos de ampliación do contrato con Aqualia se consignaron 25 millóns de euros para un plan de investimentos, a meirande parte destinados a actuacións que nada tiñan que ver coa rede de abastecemento, 80% do custe de humanizacións completas, decoracións, subvención de festas parroquiais e outro tipo de superficialidades que nada achegaron á rede de abastecemento e dende logo, non supuxeron o arranxo e mellora da mesma”.

Marea de Vigo, firme defensora da remunicipalización da auga en Vigo, segue a propoñer unha serie de medidas efectivas tanto para actuar contra a seca con respecto ao aforro de auga, como son o arranxo de fugas ou a anulación do baldeo con auga potable, coma as enfocadas á cidadanía, como son o garantir un consumo mínimo gratuíto, abandonando o abuso que supoñen os 30 metros cúbicos bimensuais, e o establecemento dunha tarifa xusta por consumo, penalizando deste xeito os excesos.