marea de vigo considera que a reiterada incomparecencia do alcalde no pleno é un feito “inaudito e grave” sobre o que nunca se da ningún tipo de explicación.

29 de Setembro de 2022

Marea de Vigo considera que a reiterada incomparecencia do alcalde no Pleno é un feito “inaudito e grave” sobre o que nunca se da ningún tipo de explicación.

Rubén Pérez: “Esta ausencia reiterada dos Plenos do Concello implica un incumprimento da obriga legal do alcalde de presidir o Pleno e tamén unha falla total de respecto polo conxunto da Corporación municipal”.

Marea de Vigo recurrirá ao Valedor para denunciar a falla democrática por parte do Goberno local.

Vigo, 29-09-2022. Tralo vivido onte no Pleno do Concello de Vigo, no que Abel Caballero non compareceu sen xustificación algunha, o Grupo municipal da Marea de Vigo anuncia que recurrirá ao Valedor para denunciar a vulneracion de dereitos fundamentais dos concelleiros e concelleiras da oposición, que “sistemáticamente obteñen silencios nas preguntas, rogos e na meirande parte das solicitudes de información” afirma Rubén Pérez.

Marea de Vigo lémbralle ao Goberno local que o feito de ter unha maioría absoluta “non pode pasar por riba da democracia” e máis aló de converterse nun “goberno psicótico” debería ser un “espazo de tranquilidade”. O Grupo considera que “é preciso que este Concello recupere democracia e cordura, nada que ver coas prácticas de silencio administrativo e arrinconamento da oposición que constantemente practica o Goberno de Abel Caballero” sinala Rubén Pérez.