marea de vigo considera un insulto á cidade e á atención primaria a cancelación de citas en catorce centros de saúde da área sanitaria de vigo.

5 de Xaneiro de 2022

Marea de Vigo considera un insulto á cidade e á Atención Primaria a cancelación de citas en catorce centros de saúde da Área Sanitaria de Vigo.

Marea de Vigo afirma que limitar as citas en centros de Atención Primaria a urxencias e casos covid é vulnerar o dereito á atención sanitaria e pon en perigo a doentes con posibles patoloxías graves e esixe unha rectificación inmediata da Consellería de Sanidade.

Vigo, 05-01-2022. Oriana Méndez, concelleira da Marea e Vigo, sinala que é “un auténtico escándalo” que a solución proposta pola Consellería sexa limitar a Atención Primaria nestes centros, “especialmente coa grave situación actual no tocante á Atención Primaria e listas de agarda, e baixo a sombra dunha tentativa de privatización das consultas de urxencia e as listas de agarda, tal e como o denunciamos no seu día a través dunha moción levada ao Pleno do Concello de Vigo” engade.

A concelleira da Marea de Vigo lembra que “xa asistimos a un colapso hospitalario que implicou a paralización da Atención Primaria ante a crise sanitaria provocada polo virus da COVID-19, nun contexto ademais no que a epidemia está a provocar danos sensibles para a saúde da poboación, especialmente da máis vulnerable, como son as persoas con enfermidades debilitantes, agudas, crónicas e de maior idade”. Nas primeiras etapas da pandemia, as camas hospitalarias e as UCIS víronse presionadas polo cúmulo de afectadas/os, mentres que os Centros de Saúde adicaron unha gran parte da súa actividade a atender a enfermidade, informar á poboación, rastrexar, seguir a novos casos ou realizar numerosas actividades burocráticas relacionadas coa pandemia.

Marea de Vigo urxe a que se reforcen os cadros de persoal e recursos sanitarios en Atención Primaria porque “a pandemia visibilizou as carencias estruturais da Primaria froito dunha política crecente de deriva de recursos orzamentarios cara a sectores privados que xestionan servizos sanitarios”, matiza Oriana Méndez. “Nos últimos once anos, os investimentos sanitarios foron recortados provocando unha precarización das condicións laborais do personal sanitario e a COVID non fixo máis que cronificar o colapso de hospitais e centros de saúde”, engade.

Co argumento de evitar o colapso dos hospitais, suspendéronse consultas, probas diagnósticas e intervencións cirúrxicas. “Estímase que en Galicia paralizáronse ao redor de 3.000 das intervencións cirúrxicas, 600.000 consultas e 20.000 probas diagnósticas” sinala Méndez. “Ao mesmo tempo – prosigue -, substituíronse as consultas presenciais polas telefónicas e reduciuse o aforo das salas de agarda obrigando ás/aos pacientes a facer cola fóra dos centros para recibir atención”.

Marea de Vigo considera que esta actitude de limitar aínda máis a atención primaria agocha unha nova tentativa privatizadora e desmanteladora da atención primaria e da prevención en materia de políticas sanitarias eficientes por parte da Xunta de Galicia.

Foto: redaccionmedica.com