marea de vigo considera unha perda de oportunidade non ter focalizada a partida de fondos react-eu no transporte público e na concrección de zonas de baixas emisións.

24 de Febreiro de 2022


Marea de Vigo considera unha perda de oportunidade non ter focalizada a partida de fondos React-EU no transporte público e na concrección de zonas de baixas emisións.

Vigo, 24-02-2022. A pesar de que a resolución da Secretaría Xeral de Transportes e Mobilidade do Ministerio considera financiable con cargo a estes fondos as escaleiras de Gran Via, o ascensor Halo e outros ascensores e proxectos de humanización, “cremos que o Concello debería ter priorizado a mellora do transporte público e as zonas de baixas emisións como prioridade de proxectos baseados na mobilidade sostible” sinala Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal da Marea de Vigo. O Goberno de Abel Caballero en cambio “entendeu” que isto non era o prioritario e si programas como o Vigo Vertical que, “aínda sendo compatibles con estas axudas, dende logo non son prioritarios, segundo se expresa o propio Ministerio”.

“Na contra – sinala Rubén Pérez – , os proxectos que poden perfectamente financiarse con recursos orzamentarios propios, con remanente, con fondos europeos EDUSI ou superavit, son os que se presentan para captar uns fondos que como o propio Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana titula, son para un Programa de axudas a municipios para a implantación de zonas de baixas emisións e a transformación dixital e sostible do transporte urbano, no marco do plan de recuperación, transformación e resiliencia”. Un programa cuxo obxectivo, segundo a Marea de Vigo, “busca impulsar a descarbonización da mobilidade urbana, a mellora da calidade do aire e da calidade de vida nas cidades, aproveitando as oportunidades económicas, sociais e industriais asociadas a esta transformación” engade o voceiro.

Para Marea de Vigo, estes fondos supoñen unha oportunidade para a mellora do transporte público en termos medioambientais, completar unha rede de carril bici que resulte útil ou para a implantación de zonas de baixas emisións. “Poderíase avanzar na electrificacón do transporte colectivo, tal e como fixeron Barcelona ou Málaga con estes fondos cando Vigo nin sequera formulou un proxecto piloto de autobús eléctrico de verdade operativo e funcionando para ser avaliado e logo exportado á concesión administrativa do transporte público” conclúe Rubén Pérez.